O pleno debaterá unha moción socialista contra Altri: "A Xunta pide un millón de euros públicos por cada posto de traballo"

Pontevedra
06 de maio 2025

Iván Puentes, portavoz do PSOE, denuncia que a macrocelulosa prevista en Palas de Rei é “un proxecto escuro, insostible e inútil para Galicia” e reclama ao Goberno que non conceda axudas públicas

Iván Puentes manifesta a oposición do PSOE ao proxecto de Altri
Iván Puentes manifesta a oposición do PSOE ao proxecto de Altri / Pablo Ajuria - Brais Porto

O PSOE de Pontevedra presentará no pleno de maio unha moción para rexeitar o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei e reclamar que non se conceda ningunha axuda pública, estatal ou europea, para a súa construción.

O portavoz socialista, Iván Puentes, cualificou a iniciativa como "unha das maiores falcatruadas industriais promovidas pola Xunta de Galicia" e advertiu do impacto ambiental, económico e social que podería ter no río Ulla, na ría da Arousa, no Camiño de Santiago e no medio rural galego.

Segundo explicou Puentes en rolda de prensa, o proxecto de Altri foi presentado inicialmente, en 2022, como unha moderna fábrica de fibras téxtiles biodegradables que ía xerar 2.500 postos de traballo, pero acabou convertido "nunha macrocelulosa tradicional cunha mínima liña de produción téxtil e unha estimación de emprego reducida a entre 250 e 500 postos".

O voceiro socialista denunciou que "se está pedindo un millón de euros públicos por cada posto de traballo" e sinalou que a Xunta non aportará fondos propios, mentres reclama 250 millóns de euros ao Goberno central a través do PERTE da Descarbonización.

"O que era unha fábrica verde virou nunha celulosa de toda a vida, con consecuencias nefastas para o medio ambiente, o marisqueo, os montes e incluso o turismo vinculado ao Camiño de Santiago", afirmou.

Puentes dubida que un proxecto desta natureza cumpra cos requisitos ambientais esixidos para acceder aos fondos Next Generation da Unión Europea e subliñou que a Xunta pretende implicar a toda a cidadanía galega no financiamento dunha industria contaminante "que non aposta pola descarbonización nin pola modernización do tecido produtivo".

Ademais, destacou o "escurantismo" co que, ao seu xuízo, a Xunta está a xestionar o proceso.

"Levan anos dicindo que non hai alternativa para trasladar ENCE fóra da ría de Pontevedra, e agora, na súa propia declaración de impacto ambiental, recoñecen que se valoraron ata seis localizacións distintas para instalar Altri en Galicia", apuntou.

Tamén criticou que o executivo autonómico se negue a facer público o memorando de entendemento que asinou coa empresa portuguesa en 2021: "Algo terán que ocultar".

A moción, que xa foi aprobada na comisión de Urbanismo, co apoio do BNG e o rexeitamento do PP, será trasladada ao pleno municipal e tamén se está levando ao resto de concellos da provincia.

A proposta inclúe dirixirse ao Goberno de España e á Xunta de Galicia para reclamar que se abandonen os apoios a Altri e se promovan, no seu lugar, proxectos industriais "do século XXI".