O pleno municipal esixe á Deputación que free a tala de 150 árbores e arbustos en Santa Clara

Pontevedra
23 de marzo 2026
Actualizado: 24 de marzo

Nun novo pleno tenso dúas estudantes do Consello Municipal da Muller Nova deron lectura a un manifesto reclamando a igualdade. Na sesión tamén se aprobou finalmente o orzamento para este 2026

Xardíns do convento de Santa Clara Mónica Patxot

A sesión plenaria celebrada este luns 23 de marzo no Concello de Pontevedra estivo marcada pola aprobación definitiva dos orzamentos para este 2026 e un alto grao de acordo en materia social, malia os recorrentes desencontros entre o goberno e a oposición na xestión do patrimonio e o mantemento urbano.

O pleno desenvolveuse coa ausencia dos concelleiros Xaquín Moreda (BNG) e Martín Martínez (PP), e coa lectura inicial dun manifesto feminista por parte de dúas alumnas do IES Frei Martín Sarmiento, con motivo do 8M.

Sara Asdih Ouerdi e Aalia Estévez González, representantes do Consello Municipal da Muller Nova, foron as encargadas da lectura. No seu manifesto, as estudantes lembraron que a igualdade non se mide só polas leis, senón "polas cousas das que ninguén fala ou que temos normalizadas".

As dúas estudantes do Consello da Muller Nova durante a súa intervenciónSergio Guillermo Lourés Miranda

"Non queremos volver pedir permiso, volver calar ante as inxustizas ou volver renunciar aos soños para vivir os que a sociedade ten preparados para nós", sentenciaron as mozas antes os representantes municipais no salón de plenos.

As dúas estudantes do Consello da Muller Nova no plenoSergio Guillermo Lourés Miranda

ORZAMENTOS

O punto central da xornada foi a aprobación definitiva do orzamento xeral do Concello para 2026, que ascende a máis de 103 millóns de euros, a cifra máis alta da historia da administración local. O concelleiro de Facenda, Raimundo González (BNG), explicou que se desestimou a única reclamación presentada por Vox.

González destacou que estas contas permitirán "actuacións en proxectos como o río Gafos, a renovación lumínica e a praza de Monte Porreiro", entre outros proxectos.

Pola súa banda, Rafa Domínguez (PP) xustificou o seu voto en contra non polos informes dos funcionarios, senón por considerar que son "malos orzamentos" e que chegan con atraso. "O Concello perdeu case tres meses para aprobar estas contas", sinalou o líder popular.

Desde o público, o representante de Vox en Pontevedra, Manuel Torres, interrompeu a sesión cualificando as contas de "estafa" e "inviables".

Finalmente, a aprobación definitiva do orzamento saíu adiante cos 13 votos a favor de BNG e PSOE fronte aos 10 en contra do PP.

FUTURO DO CITA

A reapertura do Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA), pechado desde hai máis dun ano por problemas de gas radon e ventilación, centrou un dos debates máis acesos. O PP presentou unha moción para a súa reapertura inmediata, criticando o que consideran unha "pésima xestión".

Rafa Domínguez, portavoz do PP, no plenoSergio Guillermo Lourés Miranda

Rafa Domínguez (PP) afeou ao goberno que o único museo municipal estea clausurado: "Nace con Lores, malvive con Lores e morre con Lores".

Domínguez manifestou estar sorprendido pola proposta do BNG sinalando que o CITA pase á Deputación de Pontevedra. O portavoz popular, que tamén é vicepresidente provincial, respondeu con ironía: "O que din é que Lores non sabe xestionalo e pídeme que o xestione eu".

Desde o PSOE, Iván Puentes replicou que o PP "perdeu tres millóns de euros de fondos europeos para o Museo de Pontevedra" e que non teñen autoridade para dar "leccións de xestión".

Pola súa parte, Demetrio Gómez (BNG) defendeu que o máis razoable é que o CITA se xestione desde a Deputación e que se comunique co edificio do Palacete das Mendoza (Turismo Rías Baixas) e acusou a Domínguez de estar xa "en campaña".

Esta moción para buscar a reapertura, coa emenda de transferencia á Deputación, aprobouse por unanimidade.

César Mosquera, Demetrio Gómez e Raimundo González durante o plenoSergio Guillermo Lourés Miranda

NOVO ALBERGUE MUNICIPAL

Tamén houbo consenso total na votación na moción socialista para crear un albergue municipal e poñer en marcha o programa Housing First (a vivenda primeiro) para persoas sen fogar.

O concelleiro socialista Marcos Rey expuxo que en 2024 foron atendidas 253 persoas na rúa en Pontevedra e que o único recurso actual, de Cáritas, está ao límite da súa capacidade.

Anabel Gulías (BNG) destacou o traballo realizado co terceiro sector, pero aceptou que é necesario "reforzar unha rede propia" ante unha situación complexa.

Desde o PP, Silvia Junco criticou que o goberno local rexeitara no pasado financiamento da Xunta para vivendas para persoas sen fogar, aínda que apoiou a moción para "colaborar coas persoas vulnerables".

Pleno municipal de marzo 2026Sergio Guillermo Lourés Miranda

DEBATE SOBRE OS BARRIOS

O pleno pechouse cunha moción do PP pedindo un plan de revitalización para os barrios. Pepa Pardo (PP) denunciou a existencia de "barrios de primeira e de segunda", mencionando o "abandono" da Seca, San Antoniño ou a falta de investimentos en Monte Porreiro.

O concelleiro César Mosquera (BNG) respondeu con dureza, cualificando de "esaxeracións" as críticas do PP e lembrando que hai "40 millóns de euros en tramitación" para obras en barrios e parroquias.

Malia o enfrontamento verbal, a moción foi aprobada por todos os grupos.

FREO Á TALA DE ÁRBORES EN SANTA CLARA

A corporación municipal de Pontevedra aprobou, cos votos a favor de BNG e PSOE e a oposición do PP, unha moción de urxencia presentada polo grupo socialista para paralizar de xeito inmediato a tala prevista no recinto do convento de Santa Clara.

O debate evidenciou unha fractura absoluta entre o goberno local, o grupo socialista e o portavoz popular, vicepresidente da Deputación Provincial e actual responsable político do convento de Santa Clara, sobre como debe executarse a integración do antigo cenobio no Museo de Pontevedra e o destino da súa horta histórica.

O portavoz do grupo socialista, Iván Puentes, centrou a súa intervención en denunciar o contrato de 12.000 euros licitado pola institución provincial para realizar o que cualificou de "atentado ecolóxico".

Segundo os datos achegados polo concelleiro, o plan da Deputación contempla a eliminación de 58 árbores de grande e mediana altura, así como de case un centenar de arbustos e outras especies leñosas.

"Vostede, señor Domínguez, vai ser responsable de liquidar máis de 150 árbores nun espazo onde non se podería facer máis que garantir a súa accesibilidade", sinalou Puentes dirixíndose ao líder da oposición e vicepresidente provincial.

Para o PSOE, o xardín e a horta son elementos indivisibles do conxunto conventual que deben conservarse "do xeito máis fiel posible a como chegaron a nós". Puentes sostivo que non existe un informe técnico que obrigue a adoptar esta decisión e que se trata de "unha decisión política" para liberar espazo para un novo edificio.

Pola súa banda, o concelleiro do grupo de goberno César Mosquera (BNG) apoiou a moción socialista e botou man da hemeroteca para criticar o cambio de postura do PP dende que asumiu o mando na Deputación. Mosquera lembrou que, no anterior mandato, a dereita cualificaba de "vandalización" calquera pequena intervención nos xardíns.

"Dá a sensación de que volve 30 anos atrás", afirmou Mosquera, quen acusou ao PP de querer eliminar árbores para aforrar gastos de mantemento. "Recoméndolle que sexa un pouco máis prudente e claro, porque agora vaille de volta", engadiu o edil nacionalista en relación ás críticas que o PP lanzaba no pasado.

Rafa Domínguez rexeitou as acusacións e defendeu que a tala é un paso previo "imprescindible" para o desenvolvemento do proxecto arqueolóxico e a futura ampliación do edificio do museo nese recinto. Domínguez apuntou que as catas recentes permitiron detectar as estruturas doutro convento antigo baixo o solo.

"A tala constitúe un traballo previo imprescindible para permitir o acceso ás zonas de execución e para desenvolver o traballo de escavación arqueolóxica. Se non, non é viable o sondaxe e control", argumentou o concelleiro popular.

Domínguez amparouse nos informes da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, sinalando que moitas das árbores teñen as raíces estendidas que afectan á zona construída e presentan unha "baixa probabilidade de transplante".

Asegurou que se solicitou permiso para o proxecto e que, se algún exemplar ten un valor especial, buscarase a súa reubicación, pero foi tallante sobre os prazos: "Santa Clara non se paraliza nin un minuto máis".

O debate pechouse cunha última réplica de Iván Puentes, quen insistiu en que os informes técnicos tamén recomendan a conservación de determinadas especies que o PP pretende talar, mentres se reservan outras de menor valor, como algunhas plantacións de kiwis.

Finalmente, a moción socialista saíu adiante coa maioría de 13 votos de BNG e PSOE, fronte aos 9 votos en contra do PP. O acordo plenario insta á Deputación a:paralizar o contrato de tala controlada publicado o pasado 10 de febreiro; rehabilitar a zona verde preservando as especies árboreas, agás aquelas con problemas sanitarios ou de accesibilidade estritamente xustificados: e, por último, elaborar un proxecto de conservación integral que minimice o impacto da nova construción sobre o conxunto histórico de 800 anos de antigüidade.

Miguel Anxo Fernández Lores durante o plenoSergio Guillermo Lourés Miranda

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora