Puentes pide que se paralice "de maneira inmediata" a licitación para tallar as árbores de Santa Clara

Pontevedra
18 de marzo 2026

Segundo o socialista, a talla non está xustificada por motivos técnicos ao considerar que está relacionada co plan de construción dun novo edificio xunto ao convento por parte da Deputación

Iván Puentes, portavoz do PSOE
Iván Puentes, portavoz do PSOE / Alberto de Madrid Lafuente

O portavoz socialista, Iván Puentes, volveu comparecer en rolda de prensa para denunciar, unha vez máis, o que cualifica como "operación encuberta" por parte do Partido Popular na talla de árbores do Convento de Santa Clara.

Esta operación, segundo asegura, non estaría xustificada por motivos técnicos, senón por razóns políticas e urbanísticas ao considerar que o verdadeiro e único motivo desta talla estaría relacionado cos plans de construción dun novo edificio xunto ao convento por parte do organismo provincial.

Puentes cuestionou as explicacións dadas polo vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, onde afirmaba que as árbores debían tallarse por estar enfermos, sinalando que "non hai que ser moi listo para darse conta de que a enfermidade non pode ser a causa para prescindir deles".

Neste sentido, o portavoz do PSOE asegurou que o informe técnico solicitado á Deputación o pasado 2 de marzo desmente os argumentos dados por Domínguez.

Dito documento, indicou, avalía a posiblidad de trasplantar os exemplares afectados a outras zonas do xardín e conclúe que, debido a que algúns presentan unha idade avanzada ou fungos comúns na cidade (como no Parque das Palmeiras), "o traslado non garantiría a súa supervivencia".

Ademais, moitas árbores son de gran porte e faría falta maquinaria pesada para o seu traslado, algo que Puentes cualifica de "inviable" porque sería necesario "desmontar muros, e a Lei de Patrimonio o impide. O informe", afirma, "contradí o que Rafa mantiña nas súas declaracións públicas".

"Como estorban para facer un novo edificio, a solución é talalos", ironiza o portavoz socialista, quen reitera que esta decisión é unha "aberración ecolóxica" e un "acto político do Partido Popular e de Domínguez"

Ademais, denunciou que a Deputación non respondeu ás solicitudes de información presentadas o 11 de marzo, nas que o PSOE pedía os informes técnicos, planos e custo do proxecto, cuxo volume pasaría de 500 a 1.600 metros cadrados, desprazándose ademais cara ao sur, invadindo parte da zona verde.

Puentes anunciou que os socialistas levarán o asunto ao pleno municipal do próximo luns mediante unha moción de urxencia, solicitando que se paralice "de maneira inmediata" a licitación en curso e ae redacte un novo proxecto que preserve o xardín orixinal, introducindo só as adaptacións necesarias por motivos de accesibilidade. "Queremos que os criterios de rehabilitación de Santa Clara sexan puros e que a contorna se altere o menos posible", sinalou.

Tamén pediu á Xunta de Galicia que non autorice a talla, lembrando que a licenza municipal está supeditada á autorización autonómica. "Esperamos que a sensibilidade que non ten a Deputación a teña Patrimonio da Xunta" porque, de autorizarse a talla, "o convento perdería sentido".

Puentes concluíu advertindo que o ocorrido en Santa Clara "non é só unha cuestión técnica, senón unha batalla política", subliñando que "se antes tingamos dúbidas sobre esta aberración, hoxe temos máis certezas de que non se dixo a verdade inicialmente".

RESPOSTA DE DOMÍNGUEZ

Pola súa banda, Rafa Domínguez defendeu a necesidade da actuación e asegurou que as obras están coordinadas con Patrimonio. "¿Cómo se van a hacer unas excavaciones con los árboles puestos?", cuestionou, ao tempo que insistiu en que a intervención conta cos informes favorables dos técnicos da Deputación.

O vicepresidente provincial tamén restou importancia ás condicións impostas na licenza municipal, que cualificou de "condicionada a un millón de cosas", e mostrou a súa sorpresa polas aclaracións solicitadas polo Concello en relación co traslado dun pozo e a protección dun antigo cemiterio durante a intervención arqueolóxica.

Neste sentido, acusou ao goberno local de poñer "pegas que no tienen mucho sentido" e interpretou estas actuacións como "un nuevo intento" do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, por retrasar o proxecto de Santa Clara.

En relación ás críticas do PSOE, Domínguez foi contundente ao afirmar que a tala é inevitable para poder executar o futuro museo. "¿Cómo quieren hacer un museo y mantener los árbores?", preguntou, engadindo que só se transplantarán aqueles exemplares que teñan entidade, mentres que o resto serán eliminados para permitir a construción do edificio previsto.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora