O Concello de Pontevedra celebrou este luns, 20 de outubro, unha intensa sesión plenaria na Casa Consistorial, na que se debateron medidas urbanísticas, sociais e orzamentarias, acompañadas de momentos da habitual confrontación política entre os grupos municipais.
Un dos principais acordos foi a aprobación dunha modificación puntual do Plan Especial de Protección do Centro histórico (PEPRICA) para recalificar como zona verde un terreo situado na rúa Arcebispo Malvar. Ademais, modificouse a ordenanza de mobilidade para permitir que as bicicletas poidan circular con remolques destinados ao transporte de menores ou mascotas.
En materia educativa, a Corporación ratificou o convenio de colaboración coa Federación de ANPAS de Pontevedra (FANPA) para o próximos tres anos, cunha dotación de 819.000 euros destinados ao Plan Madruga e comedores escolares dos 20 centros públicos do municipio. Esta cifra representa un incremento do 11,76 % respecto ao convenio anterior, que non se actualizaba desde 2020.
Así mesmo, o Pleno deu luz verde ao décimo expediente de modificación de crédito do orzamento, por valor de 562.285 euros, que se destinarán á mellora enerxética e acústica do Mercado de Abastos. Esta reorientación de fondos supón a renuncia ao financiamento municipal do proxecto da Vía Verde (Pontevedra-Ponte Sampaio-Arcade), agora asumido pola Deputación. O cambio afecta ao Plan de Sustentabilidade Turística en Destino financiado por fondos europeos Next Generation, o que provocou o primeiro enfrontamento político da sesión.
O portavoz do PP, Rafa Domínguez, reprochou ao goberno local a súa "penosa" xestión dos fondos europeos, acusando o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores de perder os 2,2 millóns destinados ao proxecto de "destape" do río Gafos. As críticas foron duramente replicadas por Anabel Gulías (BNG) e por Iván Puentes (PSOE), que lembraron a perda de millóns en subvencións europeas durante a xestión do propio Domínguez na Deputación. Puentes cualificouno como "campión da incompetencia".
Noutro punto, o PP propuxo un convenio coas bandas de música do municipio para reforzar a súa presenza en festas parroquiais. Foi apoiada polo PSOE mentres que o goberno local lembrou que xa existen acordos vixentes con varias agrupacións musicais, aínda que o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, admitiu a posibilidade de "mellorar as condicións".
Unanimidade alcanzou a moción socialista que reclama á Xunta de Galicia o incremento de prazas concertadas na residencia de Amencer-Aspace en Pontevedra, que actualmente só atende a 12 persoas a pesar de dispor de 32 prazas. O PSOE denunciou o incumprimento dos compromisos autonómicos e acusou á Xunta de someter á entidade a unha "asfixia económica". Desde o PP, a concelleira Silvia Junco xustificou os atrasos na actualización do convenio debido ao "impacto" do novo convenio colectivo do sector, que supuxo un aumento salarial do 10 %.
Por outra banda, o PP defendeu unha moción para aumentar nun 250 % as prazas de aparcadoiro gratuíto na cidade. A proposta foi apoiada parcialmente polo PSOE, aínda que cunha emenda que eliminaba as críticas ao modelo de transporte "Coche de Punto". O goberno local, a través do concelleiro César Mosquera, rexeitou a proposta por considerala "imposible de executar".
Tamén se aprobou, co apoio do BNG e o PSOE, unha moción socialista que propón ao Concello formalizar un acordo co Consorcio Zona Franca de Vigo para estudar a creación de novas áreas de solo industrial en Pontevedra. O PP votou en contra, argumentando que non apoiarán unha "sumisión al PSOE de Vigo y a Caballero".
Finalmente, o Pleno debateu por terceira vez a reiterada proposta do PP para a implantación dunha unidade de prevención e reacción, así como a construción dunha nova Comisaría de Policía Nacional en Pontevedra. O debate quedou aberto aínda que todos votaron a favor.

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Parte da representación socialista no pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Parte da representación socialista no pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra

Pleno do Concello de Pontevedra