O PSOE de Pontevedra amosouse este mércores moi crítico coa Xunta de Galicia polo seu proceder coa vivienda residencial inaugurada o pasado ano por Amencer-Aspace na cidade.
Así, denuncian que, a pesar de dispoñer de capacidade para 32 prazas, "os incumprimentos da Xunta" á hora de financiar o seu funcionamento están a provocarlle á asociación "serias dificultades" para sufragar o coidado dos 12 usuarios aos que lles dá servizo nestes momentos.
O portavoz socialista, Iván Puentes, acusa ao Goberno de Alfonso Rueda de "racanear co coidado deste colectivo" e de someter a Amencer-Aspace a "unha asfixia económica que lle impide ofertar 20 das 32 prazas dispoñibles na súa residencia".
A denuncia trasladarase á vindeira Comisión de Benestar do Concello e ao pleno da Corporación a través dunha moción presentada polos socialistas.
Puentes presentou a proposta acompañado polos concelleiros Yoya Blanco e Marcos Rey e lembrou que a viabilidade da residencia, como acontece en practicamente todos os centros deste tipo impulsados por asociacións, está ligada ao convenio de prazas coa Xunta de Galicia.
Cando se inaugurou, coa presenza do presidente autonómico, Alfonso Rueda, a Xunta comprometérase a concertar inicialmente 12 das 32 prazas que ten dispoñibles e, nun prazo de seis meses, a incrementalas ata 21 prazas.
A pesar desa promesa, o portavoz do PSOE criticou que, un ano despois, o número de prazas concertadas seguen a ser as 12 iniciais e "nada se sabe desas 9 a maiores que a Xunta se comprometera a sufragar".
Como resultado, segundo o socialistas, Amencer está a atravesar unha situación económica "complicada" que se ve agravada pola actualización do convenio do persoal porque, segundo asegura Iván Puentes, a Xunta non está a asumir o déficit de 300 euros que supuxo en cada un dos 12 usuarios
Esta complicada circunstancia agrávase, segundo o socialista, a raíz da actualización, en 2024, do convenio colectivo dos traballadores de atención a persoas con discapacidade, que supuxo un incremento do 10% no salario base destes profesionais. O aumento salarial é "absolutamente merecido", pero a Xunta non incorporou ese incremento no custo do centro.
A moción impulsada polo PSOE esíxelle á Xunta que cumpra o seu compromiso de cubrir as 9 prazas comprometidas e que, nos orzamentos autonómicos para 2026, se contemplen a actualización urxente do prezo de concertación das prazas ofertadas nas residencias e un novo incremento de 9 prazas, cubrindo así 30 das 32 prazas das que dispón a residencia de Amencer.
A denuncia tamén chegará ao Parlamento galego a través dunha proposición non de lei rexistrada pola deputada socialista Paloma Castro.