A lecidia e a emoción foron as grandes protagonistas da xornada na vivenda residencial de Amencer-ASPACE, que cumpriu o seu primeiro ano de vida.
Para celebralo, organizouse unha gran festa nas propias instalacións, na que participaron as persoas residentes, as súas familias, o equipo profesional da entidade e numerosos representantes de colectivos sociais, veciñais e entidades colaboradoras.
Este recurso, que abriu as súas portas en setembro de 2024, representa un gran avance para moitas familias, que durante anos soñaron cun lugar seguro, digno e especializado onde os seus fillos con parálise cerebral poidan vivir de forma plena e acompañada.
Con esta vivenda, Amencer-ASPACE consegue cubrir todas as etapas vitais destas persoas, desde a atención temperá até a vida adulta.
A posta en marcha deste fogar foi posible grazas á cesión do espazo por parte do Concello de Pontevedra, que tamén asumiu o custo da súa rehabilitación, cun investimento de máis de 1,5 millóns de euros.
Esta actuación financiouse en parte con Fondos Europeos FEDER, a través da estratexia EDUSI 'Máis Modelo Pontevedra', e con fondos municipais.

Actualmente, a vivenda acolle a 12 persoas usuarias (aínda que se proxectou para 16), e dá emprego a 18 profesionais, entre persoal técnico e de apoio, que traballan cada día para ofrecer unha atención personalizada, integral e de calidade. O custo das prazas está cuberto mediante un concerto coa Xunta de Galicia, e a entidade espera desde decembro de 2024 poder ampliar o número de prazas para dar cabida a máis persoas que están en lista de espera.
Esta festa de aniversario non só foi unha xornada de celebración, senón tamén unha homenaxe a todas as persoas, institucións e entidades que fixeron posible este proxecto.
Grazas á súa implicación, hoxe moitas persoas con parálise cerebral en Pontevedra e a súa contorna contan cun fogar onde vivir con dignidade, apoio e comunidade.
