Poda primaveral das washingtonias da contorna de Vila Pilar e da Praza de España

Pontevedra
28 de abril 2021

O enxeñeiro técnico forestal e especialista en arboricultura Eduardo Penedo Padín executa estes traballos, nos que o departamento que dirixe Iván Puentes investiu 10.000 euros

Poda das palmeiras
Poda das palmeiras / Concello de Pontevedra

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, achegouse este mércores ata a rúa Marqués de Riestra para supervisar o inicio dos traballos de poda e posta a punto das washingtonias robustas que a empresa de Eduardo Penedo Padín, enxeñeiro técnico forestal e especialista en arboricultura, realizou no contorno de Vila Pilar e a Praza de España.

Estas actuacións forman parte dunha poda primaveral na que se investen 10.000 euros e que terá continuidade coa poda das palmeiras dos Xardíns de Vincenti, actuando nunha trintena de exemplares.

Os traballos, para os que se está a empregar un camión-guindastre dotado dun cesto para operar en altura, abrangue o corte das pólas das dúas liñas de exemplares que presiden o paseo principal do parque das Palmeiras, así como da agrupación de washingtonias emprazada nas inmediacións de Vila Pilar e a outra illada na Praza de España, rematadas no día de hoxe.

A intervención tamén contempla a poda dun tilo de gran porte e a revisión e substitución dos sistemas de ancoraxe desta e doutras árbores senlleiras situadas nos Xardíns de Vincenti, coa axeitada retirada e tratamento dos restos.