Poio abre o plazo de inscrición para as ludotecas de verán

Poio
02 de maio 2022

O Concello oferta 600 prazas e o período de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 13 de maio    

Ludoteca Campaverán, no CEIP Isidora Riestra
Ludoteca Campaverán, no CEIP Isidora Riestra / Concello de Poio

Xa está aberto o prazo para a presentación de solicitudes para a obtención de prazas nas ludotecas de verán que o Concello de Poio oferta a través dos departamentos de Educación (Campa Verán e Raxó Verán) e Igualdade (Espazo Concilia).

Entre todas estas iniciativas súmanse máis de 600 vacantes, impulsadas co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar da veciñanza, fomentando a corresponsabilidade e ofrecendo ás crianzas actividades de lecer nas que se fai fincapé en valores como a integración, a igualdade, a convivencia, os hábitos saudables ou o respecto polo medio ambiente.

Poderán beneficiarse deste servizo aquelas familias con rapaces e rapazas nados entre os anos 2011 e 2018 que estean escolarizados nalgún dos centros educativos do municipio de Poio, así como os fillos e fillas de persoas que teñan o seu posto de traballo no propio concello. Tal e como lembran as concelleiras responsables de Educación e Igualdade, Raquel Rodríguez (BNG) e Silvia Díaz (Avante), o período de inscrición permanecerá aberto ata o venres 13 de maio, inclusive.

As xestións pódense realizar de xeito telemático na Sede Electrónica do Concello. No caso de optar pola fórmula presencial no Rexistro Municipal, resultará indispensable solicitar cita previa.

No caso de Campa Verán e Raxó Verán, as prazas ofertadas serán 480 e 120, respectivamente. Estas actividades desenvolveranse entre o 1 de xullo e o 31 de agosto nas instalacións dos CEIP Isidora Riestra (San Xoán) e Espedregada (Raxó). Como xa é habitual, as actividades dividiranse en dúas quendas mensuais, de 15 días cada unha.

En canto aos prezos, a cota por quincena para o Campa Verán será de 30 euros, mentres que no Raxó Verán ascende a 25. Haberá descontos en función do número de cativos ou cativas que se inscriban por familia. Os horarios serán de 7.30 a 15.00 horas no caso da actividade do Isidora Riestra e de 9.00 a 14.00 horas no Espedregada.

Polo que respecta ao Espazo Concilia, este desenvolverase entre o 1 de xullo e o 9 de setembro nas instalacións do CEIP Viñas, na parroquia de San Salvador, con capacidade para acoller a 30 crianzas. As cotas serán de 25 euros para os meses de xullo e agosto, mentres que a tarifa de setembro por praza será de 10 euros.

O horario da actividade será de 8.30 a 14.30 horas, de luns a venres. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, iniciarase o proceso de selección, que se levará a cabo tendo en conta criterios como a situación laboral e sociofamiliar dos e das aspirantes. O 30 de maio publicaranse na Sede Electrónica as listaxes provisionais de crianzas admitidas. A relación definitiva darase a coñecer o 6 de xuño.