Poio abrirá o mércores o prazo de solicitudes para a realización de cacharelas privadas

Poio
09 de xuño 2020

A situación actual, derivada da crise sanitaria da Covid-19, obriga a prohibir as fogueiras en espazos públicos. O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 19 de xuño. A documentación pódese obter na páxina web municipal e a presentación se realizará na Sede Electrónica ou no Rexistro Municipal

Noite de San Xoán 2017 en Poio
Noite de San Xoán 2017 en Poio / Diego Torrado

O Concello de Poio abrirá este mércores, 10 de xuño, o prazo para a presentación de solicitudes para a realización de cacharelas durante a noite de San Xoán. Este ano, debido ao contexto especial xerado a raíz da crise sanitaria derivada da expansión da Covid-19, só se tramitarán permisos para o prendido de fogueiras en terreos de titularidade privada, quedando prohibidas en espazos públicos.

O período para presentar as peticións permanecerá aberto ata o vindeiro venres 19 de xuño. O impreso poderase descargar da páxina web e presentarse na Sede Electrónica do Concello. Tamén é posible entregar a documentación no Rexistro Xeral. 

Ademais de dar cumprimento ás habituais normas de seguridade, os solicitantes tamén se comprometerán a manter as condicións e requisitos esixidos polas autoridades pertinentes no que se refire a cuestións como o control de aforo e o distanciamento social.

Con respecto ao resto de condicións, o volume de combustible da cacharela non poderá sobrepasar os oito metros de perímetro nin os tres de altura. A separación entre o lume e os inmobles e árbores será de 12 metros, tendo especial coidado en que as fogueiras non se sitúen baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.

Por outra banda, a Concellería de Medio Ambiente incide en que en ningún caso se fará uso de recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda que estean baleiros. Tampouco se poderá proceder á queima de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. Neumáticos, plásticos, escumas de poliuretano ou aceites son algúns dos elementos cuxa queima está tamén prohibida. Ao finalizar a fogueira, as cinzas terán que quedar totalmente apagadas e os seus responsables comprométense a retirar do lugar da celebración todos os restos. Para iso, contarán cun prazo máximo de 48 horas.

O Concello tamén continúa a traballar na organización dunha programación alternativas para os festexos de San Xoán, logo que o contexto actual obrigase á suspensión dos eventos masivos, como a gran fogueira da Seca, as verbenas e a sardiñada. Apostarase polo tecido cultural e artístico local para impulsar diferentes iniciativas nas que se garantan as medidas de seguridade. Ademais, tamén se busca que estes festexos sirvan para dinamizar e dar un impulso á actividade económica do municipio.