Poio alcanza un 71% de ocupación turística en xullo e bate os seus rexistros dos últimos anos

Poio
11 de agosto 2025

Esta porcentaxe supón un crecemento de 7 puntos respecto de 2024 e de 10 puntos en relación a 2023

Oficina de turismo de Poio
Oficina de turismo de Poio / Concello de Poio

O sector turístico de Poio rexistrou un mes de xullo histórico, cunha ocupación media do 71%, que supón un crecemento de 7 puntos respecto de 2024 e de 10 puntos en relación a 2023. Así o confirmou a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, quen destacou ademais que este aumento se produciu nun contexto de incremento das prazas de aloxamento dispoñibles.

A primeira quincena do mes rexistrou un 67% de ocupación, mentres que na segunda alcanzouse o 75%, cifras superiores ás dos dous últimos anos nos mesmos períodos.

Cochón tamén puxo en valor o auxe doutras actividades, como o turismo náutico, as rutas xacobeas e as visitas á Casa-Museo de Colón. O Porto Deportivo de Combarro, con máis de 300 amarres, tivo un 97% de ocupación en xullo e xa colga o cartel de 'completo' para agosto, coincidindo ademais coa celebración do Encontro Náutico do centenario Irish Cruising Club.

En canto ás rutas do Camiño de Santiago que pasan polo municipio, máis de 1.000 peregrinos selaron o seu Compostela no consistorio ou no Mosteiro, procedentes de todas as comunidades autónomas e de medio centenar de países do cinco continentes. Nalgúns días, a cifra superou o centenar de camiñantes.

A Casa-Museo de Colón recibiu 150 visitantes en xullo, un terzo deles estranxeiros, con presenza de académicos e de países como Estados Unidos, Noruega, Arxentina ou Brasil, interesados na teoría do Colón galego.

Pola súa banda, as oficinas de turismo do Casal de Ferreirós (San Salvador) e a Escola do Campo (Combarro) atenderon a máis de 2.000 persoas, cunha crecente porcentaxe de visitantes estranxeiros.

A edil subliñou que o turismo de Poio atravesa "o seu mellor momento", non só en tempada alta senón tamén o resto do ano, con máis internacionalización, diversificación e desestacionalización. No entanto, insistiu en que o auxe debe ser compatible con "garantir a calidade dos servizos e a calidade de vida dos residentes", e que o goberno local seguirá velando polo cumprimento das normas para favorecer "a mellor convivencia entre a actividade turística e a veciñanza".

Por último, desde o Concello lembraron que durante o mes de xullo, a Oficina de Turismo do Casal de Ferreirós incorporou a unha nova técnica grazas a unha subvención de 7.000 euros da Deputación de Pontevedra. Ademais, renovouse a señalética e os elementos visuais, adaptándoos á nova imaxe de marca de Turismo Rías Baixas, rede á que está adscrita a oficina.