Poio aplicará no vindeiro recibo do lixo a bonificación por cese de actividade

Poio
19 de novembro 2020

O Concello dará traslado á empresa adxudicataria para aplicar esta fórmula, logo da publicación definitiva no taboleiro de anuncios da sede electrónica dos máis de 40 negocios e autónomos que se verán beneficiados por esta medida impulsada polo goberno local

A empresa Valoriza recollendo o lixo en Poio
A empresa Valoriza recollendo o lixo en Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio vén de publicar o listado definitivo de solicitudes admitidas para a bonificación do 100% do recibo da taxa do lixo, unha medida impulsada para todos aqueles negocios, empresas e autonómicos que se viron na obriga de cesar a súa actividade durante o confinamento iniciado a raíz do primeiro estado de alarma decretado a mediados de marzo por mor da pandemia da COVID-19.

O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, explica que máis de 40 profesionais veranse beneficiados a través desta modificación da ordenanza. "Aprobáronse a inmensa maioría das solicitudes presentadas", indicou o edil do goberno local.

Unha vez feito público o listado, que se pode consultar no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello, a administración local daralle traslado á empresa responsable da recollida e xestión de residuos da orde para que proceda á aplicación da redución no primeiro recibo bimestral que resulte posible, ate completar o importe total equivalente ao período de cese de actividade, aplicándose nos bimestres sucesivos en caso de que fose necesario. 

Barreiro confía en que a medida xa se poida aplicar antes de que remate o ano.