Poio aproba a bonificación do lixo para a hostalería e anuncia medidas similares para o IBI, a viñeta e as plusvalías

Poio
25 de novembro 2020

O Concello de Poio confía en abrir o prazo de solicitudes para a bonificación da taxa por recollida do lixo a principios de 2021, mentres que as reducións no IBI, viñeta e plusvalías aprobaranse en Pleno antes de que finalice este ano

Luciano Sobral, alcalde de Poio
Luciano Sobral, alcalde de Poio

O Pleno da Corporación aprobou este martes a modificación parcial da ordenanza reguladora da taxa por recollida e tratamento do lixo no concello de Poio.

Trátase dunha medida impulsada polo Goberno local, que servirá para aplicar unha bonificación do 100% neste recibo a todos establecementos da hostalería local que se viron na obriga de cesar a súa actividade desde principios de novembro, por mor das medidas decretadas pola Xunta de Galicia contra a pandemia da covid-19.

Agora, abrirase un período de exposición pública, para que as persoas interesadas poidan presentar as súas alegacións se así o estiman oportuno. O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, calcula que o prazo de solicitudes se poida abrir a principios do 2021.

Ademais, antes de que finalice o ano, o Goberno local tamén ten previsto aprobar vía plenaria bonificacións que afectarán a impostos como o IBI, o Imposto de Vehículos ou as plusvalías. 

O Goberno local defende este tipo de actuacións como medidas "serias e que se axustan á legalidade e ás posibilidades da Administración local" e lamentou, unha vez máis, a actitude do grupo da oposición á hora de solicitar "sen ton nen son" rebaixas, bonificacións ou retiradas de taxas e recibos "sen ningún tipo de concreción", á vez que tamén reclama a aplicación dun plan de actuacións e de axudas directas.