Núcleos de poboación como San Salvador, Combarro ou Raxó están a centrar estes días os traballos de desinfección que, polo coronavirus, está realizando a empresa responsable da recollida de residuos, Valoriza, en Poio.
Desde o inicio do estado de alarma, a empresa limpou unha extensión equivalente a máis de 400.000 metros cadrados e utilizou máis de 20.000 litros de produto desinfectante a través de baldeos, hidrolimpadoras ou pulverizadores manuais, segundo explica o Concello.
A desinfección faise, preferentemente, nas inmediacións dos establecementos que permanecen operativos, como é o caso das tendas de alimentación, supermercados ou farmacias ou os accesos aos centros de saúde.
Ademais destes emprazamentos, os operarios tamén están reforzando a limpeza en zonas do rural, que se desenvolve cunha periodicidade aproximada de catro días.
A estes traballos hai que sumarlle, a maiores, a limpeza e desinfección dos contedores do lixo, que se está a realizar nas últimas semanas. Actualmente, están ultimando a posta a punto dos recipientes de carga traseira, logo de que a semana pasada se limpasen os de carga lateral.
Con respecto aos de traseira, a concelleira de Servizos e tenente de alcalde, Chelo Besada, explica que os operarios están a facer especial fincapé na desinfección das tapas, para garantir a seguridade da veciñanza no momento no que tiren o lixo.
A concelleira socialista lembra a necesidade de que os usuarios manteñan as precaucións pertinentes para realizar esta acción, como a utilización de guantes. Ademais, existe un informe do operario municipal que desaconsella deixar abertos os contedores para reducir os cheiros ou o acceso das gaivotas e outras especies.
No caso da concesionaria, Chelo Besada resalta que estes traballos de desinfección son a maiores dos que aparecen estipulados no contrato do servizo. "A empresa adquiriu maquinaria específica para estas tarefas e agradecemos esa inversión, que non suporá cargo económico algún para o Concello", indicou.
No caso dos traballos de limpeza desenvoltos polo persoal municipal, continúan centrándose en lugares como o consistorio, as dependencias da Policía Local ou os centros de saúde. Tamén se fai especial fincapé en espazos públicos, mobiliario e pasamáns.