33 alumnos e alumnas de 3º a 6º de Primaria do CEIP Viñas deron a benvida esta semana a unha nova promoción de 'Pequeguías', na que recibiron a súa credencial de Guías Honoríficos de Turismo de Poio despois de aprender a "coñecer, coidar e contar o patrominio do municipio".
A segunda edición deste programa pioneiro ten como obxectivo concienciar os máis novos ao longo de dúas xornadas sobre a importancia dun turismo sostible e responsable, á vez que lles mostra o patrimonio cultural e natural do municipio.
A primeira tivo lugar o mércores na biblioteca do centro, onde a técnica municipal de Turismo, Mónica Neira, impartiu unha sesión teórica na que abordou conceptos básicos sobre turismo, hospitalidade e valorización do patrimonio local.
O alumnado puido coñecer, de forma adaptada e participativa, os principais recursos de Poio, como o mosteiro, o conxunto histórico de Combarro, as praias, as rutas, a illa de Tambo, as variantes xacobeas e a riqueza cultural do municipio.
Nesta edición, ademais, púxose o foco en Cristóbal Colón, especialmente na teoría que sitúa a súa orixe en Portosanto, na parroquia de San Salvador.
Tras esta sesión, e unha vez avaliados os coñecementos adquiridos, as concelleiras de Turismo, Rocío Cochón, e de Educación, Natalia Sabarís, fixeron entrega ao alumnado da credencial e unha chapa identificativa como 'Pequeguías'.
A segunda xornada tivo un carácter práctico e lúdico, centrado no patrimonio colombino de San Salvador. Os escolares desprazáronse a pé até a Casa-Museo de Colón, en Portosanto, onde puideron coñecer de primeira man este recurso e profundar na teoría do Colón de Poio da man do persoal do museo.
A actividade continuou no recentemente inaugurado Parque de Colón, en Ánkar, onde gozaron de xogos didácticos e unha merenda, ademais da visita do pregoeiro do Día de Colón 2026, Mundo Nores, caracterizado como axudante do navegante.
Durante o encontro, Nores acompañou aos nenos e nenas á réplica da nave Santa María instalada no parque, faloulles da historia e tradicións locais e animounos a participar na celebración do Día de Colón, que terá lugar este fin de semana en Combarro.
Ao termo das xornadas, a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, recoñeceu estar "moi feliz por poder incorporar 33 novos 'pequeguías' con coñecementos para recomendar e explicar ás súas familias, amizades ou a calquera visitante todos eses tesouros que tedes moi preto e que fan de Poio un lugar único".
Así mesmo, lembrou a importancia de promover un turismo respectuoso coa contorna e o patrimonio e a necesidade de "coñecelo, valoralo, contalo con orgullo e, sobre todo, coidalo para que dure moito tempo", concluíu.
O programa 'Pequeguías de Poio' é unha iniciativa educativa e turística que busca implicar á infancia na promoción do municipio, fomentando o coñecemento do patrimonio e a participación activa no desenvolvemento turístico local. Cada ano celébrase nun centro educativo distinto.
Tras a súa primeira edición en 2025 no CEIP Isidora Riestra, centrada na Variante Espiritual, en 2026 orientouse ao patrimonio colombino co CEIP Viñas.