Os camiñantes que están a chegar a Poio durante estes días xa poden gozar do punto de información ao peregrino, localizado na entrada da Casa Consistorial.
O tótem interactivo de última xeración proporciona á peregrinos información útil no seu propio idioma sobre as diferentes rutas de peregrinación, con mapas descargables, previsións meteorolóxicas, indicacións para albergues, hoteis, establecementos de hostalaría e comercios así como farmacias, taxis ou emerxencias.
Os usuarios tamén poderán consultar que ver e facer durante o seu paso polo municipio, desde o patrimonio cultural e natural ás posibilidades de lecer, as festas e eventos ou as actividades de turismo activo e mariñeiro.
Así mesmo, ofrece un libro de firmas virtual, onde poden deixar mensaxes, comentarios e suxestións para mellorar o percorrido ao paso por Poio.
O punto de información tamén permite descargar unha versión móbil dispoñible en pilgrimpoio.com, onde se pode consultar a información desde calquera dispositivo.

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, cualificou a ferramenta como "pioneira" ao brindar a posibilidade de atender aos peregrinos en calquera idioma e en calquera momento.
"En ocasións son máis de 100 cada día e non poden ser atendidos polo persoal municipal", explicou.
Con esta iniciativa, o Concello de Poio quere enriquecer a experiencia dos preto de 35.000 peregrinos que descobren Poio grazas ao Camiño pero que tamén "poidan quedar a xantar, cear, pasar a noite e comprar no noso comercio local para, despois de terminar, pensen en volver".
O dispositivo estivo en fase de probas durante os últimos meses, recollendo as opinións de usuarios e os datos de uso para perfeccionar a interfaz.