O porto deportivo de Combarro pechou o ano 2025 co maior volume de tránsitos da súa historia, cun total de 716 embarcacións de 21 países diferentes.
Estas cifras supoñen un incremento do 19% das atracadas con respecto ao ano anterior e permítelle repetir como o porto deportivo máis transitado da provincia.
Estes datos, en palabras do Concello, "reforzan o liderado de Poio no turismo náutico".
Trátase dun balance "máis que satisfactorio" que confirma o papel crecente da náutica "como un dos alicerces da nosa estratexia turística", tal e como subliñou a concelleira de Turismo de Poio, Rocío Cochón, durante a presentación das cifras, na que estivo acompañada polo capitán do porto, Manuel Martínez.
Segundo os datos recolleitos polo persoal da mariña, a maioría das embarcacións que recalaron en Combarro foron de bandeira española (59%).
Volve destacar a importante presenza internacional, cos barcos de bandeira irlandesa na cabeza (20%), tras experimentar un notable crecemento favorecido pola celebración do IX encontro anual do Irish Cruising Club o pasado mes de xullo.
Tamén destaca a porcentaxe de embarcacións francesas (8%), portuguesas (6%), británicas (2%) e holandesas (1%).
Ao longo do ano fixeron escala en Combarro barcos procedentes de países como Alemaña, Bélxica, Suíza, Austria, Noruega, Finlandia, Suecia, Australia, Canadá e Estados Unidos, e incorporáronse novas orixes pouco habituais ata agora, como Hong Kong, Illas Caimán ou Israel, o que destaca a crecente proxección internacional de Poio como destino para a náutica de recreo.
En canto ao tipo de embarcacións, o 70% dos tránsitos correspondeu a veleiros, fronte a un 30% de barcos a motor, unha proporción similar á rexistrada en 2024.
As instalacións mantiveron actividade practicamente todo o ano con ocupación plena durante os meses de xullo e agosto.
Neste sentido, Cochón destacou que os datos "reforzan as oportunidades que ofrece o turismo náutico para Poio, non só para a internacionalización do destino, senón tamén para a desestacionalización".
Como exemplo, a concelleira subliñou que, "a día de hoxe, 6 de febreiro, están cubertos 290 dos 334 amarres. Que mellor mostra da nosa capacidade para desestacionalizar?", preguntou.
Por último, a responsable de Turismo recalcou o enorme potencial da actividade náutica para "atraer turismo sostible, de calidade, que dinamiza a economía local e proxéctanos ao mundo arredor dun eixo da nosa identidade: o mar".
Estes datos, xunto co resto de información vinculada ao sector, abordaranse na próxima reunión da Mesa do Turismo local, prevista para o 20 de febreiro.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.