O programa Saudemente celebrou este xoves o seu acto de clausura no Pazo Besada con preto de 150 persoas maiores das distintas parroquias de Poio.
A iniciativa, que se desenvolveu durante todo o curso, levou a cabo de forma itinerante na Casa Rosada e nos espazos municipais da Seca, Campelo, Combarro, Raxó, Samieira, Vilariño e, este ano, tamén na Ucha.
O acto contou coa presenza do alcalde, Ángel Moldes, e da concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, que subliñaron a utilidade deste tipo de propostas para favorecer a convivencia, o benestar emocional e o envellecemento activo.
Ao longo do curso, o programa combinou exercicio físico, talleres de memoria e outras actividades pensadas para manter a participación social das persoas maiores de Poio.
"Temos a sorte de contar con persoas maiores moi activas e con moitas ganas de participar. Son un exemplo para todos e unha parte fundamental da vida social de Poio", sinalou.
O rexedor defendeu tamén a necesidade de ofrecer espazos de encontro unha vez finalizada a etapa laboral, destacando iniciativas como Saudemente, que permiten seguir compartindo tempo con outras persoas, manterse activo e reforzar os vínculos persoais. Segundo apuntou, esa combinación de actividade física, traballo da memoria e convivencia repercute directamente na calidade de vida.
Durante o encontro entregáronse diplomas a todas as persoas participantes como recoñecemento á súa implicación ao longo do curso e fíxose unha homenaxe especial a quen superan os 90 anos coa entrega da distinción Orgullo de Vida.
Finalmente, Moldes agradeceu a implicación das persoas participantes, á vez que afirmou que "o mellor premio deste programa é ver a ilusión coa que participades cada semana. Grazas polo voso compromiso e por seguir enchendo de vida, actividade e alegría as nosas parroquias".