O Concello de Poio, a través da concellería de Educación, prevé aumentar a achega municipal que se destina as dietas dos comedores escolares dos centros educativos. O obxectivo é mellorar a conciliación das familias.
A edil Raquel Rodríguez explicou que o goberno municipal traballa na elaboración dunha iniciativa que permitirá consolidar este incremento, que pasará a ser o dobre da contía actual, pasando de 0,75 a 1,50 euros por usuario.
A día de hoxe, son os CEIP de Lourido e Chancelas os que ofrecen o servizo de comedor. Ademais, o Isidora Riestra valorará contar tamén con esta prestación, en función da demanda.
A decisión adóptase logo das últimas reunións mantidas con representantes das ANPAS do municipio, nas que, entre outros temas, abordouse a problemática da situación deste servizo no contexto derivado da crise sanitaria da covid-19.
"Agora máis que nunca temos que apostar por consolidar a conciliación familiar da nosa veciñanza, máxime despois de que a Xunta de Galicia impulsase un protocolo para os comedores escolares sen realizar ningunha achega que facilite este desenvolvemento", asegurou a responsable municipal de Educación.
Esta medida súmase, recordou Rodríguez, a outras que asumiu o Concello a pesar de non ser da súa competencia, como o reparto de material e deberes durante o estado de alarma ou as tarefas de desinfección periódicas nas dependencias dos centros educativos
A maiores, Educación seguirá en contacto "permanente" coas ANPAS e os responsables dos centros para "atender e dar resposta ás súas necesidades", dentro das posibilidades do propio Concello.