Poio, en busca do 'excelente' na calidade da auga de todas as súas praias

Poio
06 de xaneiro 2022

Os análises realizados ao longo de 2021 fan pensar que, de cara a 2023, a praia do Laño podería sumarse aos outros 14 areais que xa acadaron o nivel de excelente na última tempada estival, asegura o Concello de Poio

Praia de Cabeceira
Praia de Cabeceira / Concello de Poio

Na última tempada estival 14 das 15 praias de Poio obtiveron a cualificación de 'excelente' no que respecta á calidade das súas augas en función das análises realizadas pola Consellería de Medio Ambiente.

Este case pleno prodúcese tras lograr a certificación de calidade a praia de Raxó por primeira vez nun lustro, pero desde o Concello de Poio cren que existen moitas posibilidades de avanzar ata conseguir que o 100% dos seus areais conten co 'excelente'.

Para iso só falta que o consiga a praia do Laño, na parroquia de Samieira, aínda que durante o ano 2021 "as nove probas que se efectuaron acadaron niveis que se traducen en excelentes", sinala o edil de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez, explicando que a única razón de non subir de categoría é que "á hora de establecer esa definición dentro dos baremos tamén se inclúen os resultados dos catro anos anteriores".

Por este motivo e de seguir a tendencia o obxectivo pasa por lograr ese pleno no ano 2023, mantendo a calidade da auga no resto de areais como Xiorto, Sinás, Fontemaior, Covelo, Area da Barca, Ouriceira, Chancelas, Chancelas Pequena, A Canteira, O Padrón, Campelo, Lourido e Cabeceira.

Por outra banda, Martínez confirmou que o Concello volveu a solicitar a bandeira azul para a praia de Cabeceira, confiando en que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), encargada de distribuír estes distintivos de calidade, volva incluír a este espazo na súa listaxe.