Poio fai un balance positivo da aplicación de atención de incidencias

Poio
16 de xaneiro 2023

Preto de 350 incidencias foron resoltas durante o ano 2022 a través da ferramenta Liña Verde

Arranxo dunha incidencia non vial de Poio
Arranxo dunha incidencia non vial de Poio / Concello de Poio

Dende o ano 2015 o Concello de Poio dispón do servizo Liña Verde, unha aplicación gratuita mediante a cal os cidadáns poderán sinalizar incidencias dunha maneira máis dinámica e efectiva.

O concelleiro de Servizos Municipais, Julio Casás, fai un balance moi positivo da utilización durante o ano 2022 desta canle da que detectaron "un crecemento moi importante no seu uso" ben a través da app ou accedendo á páxina web www.lineaverdepoio.com, así como chamando ao número de teléfono 902193768, en horario de 8.00 a 17.00 horas.

Entre os meses de xaneiro e decembro resolvéronse preto de 350 incidencias, o que supón case un 80% de todas as transmitidas por parte de particulares. A cantidade de avisos medrou con respecto a 2021.

En canto á tipoloxía das incidencias rexistradas, o informe elaborado polos responsables de Liña Verde constatan que as cuestións relacionadas co alumeado público seguen a ser os avisos máis habituais, cun 16% do total, seguido moi de preto por peticións vencelladas á recollida do lixo (15%). 

Ademais, a través da Liña Verde tamén se deu resposta a avisos que tiñan que ver co estado de beirarúas e mobiliario urbano, limpeza de camiños ou posta a punto de parques e xardíns. 

Esta ferramenta tamén serve para solicitar información sobre cuestións como reciclaxe, vertidos, contaminación acústica, animais ou recomendacións de aforro. "As respostas a este tipo de solicitude realízanse por parte dos técnicos en 24 horas", apunta o concelleiro de Servizos Municipais.

Casás incide en que "para un municipio como o noso, coa dispersión xeográfica que ten, resulta de gran axuda que a veciñanza realice este tipo de avisos, porque reforzan o labor de inspección e revisión que os operarios municipais levan a cabo de xeito habitual".

Desde a súa posta en marcha no ano 2016, o número de incidencias resoltas grazas á Liña Verde supera as 1.500.