Poio habilitará nove aparcamentos disuasorios durante as Festas de San Xoán

Poio
20 de xuño 2024

Este xoves celebrouse unha reunión de coordinación para organizar o operativo na zona da Seca e garantir que as festas transcorran coa máxima normalidade posible

'Noite meiga' das fogueiras de San Xoán
'Noite meiga' das fogueiras de San Xoán / Mónica Patxot

As Festas de San Xoán contarán en Poio con ata nove aparcamentos disuasorios para facilitar a asistencia ás celebracións de veciños e visitantes.

Así o avanzou este xoves o Concello de Poio tras celebrarse unha reunión de coordinación para organizar o operativo na zona da Seca e garantir que as festas transcorran coa máxima normalidade posible.

Aínda que as zonas habilitadas como aparacamiento non se desvelaron, desde o goberno local aseguran que estarán sinalizadas e que garanten espazo suficiente para acoller un gran número de vehículos. Ademais agradecen a colaboración de empresas e propietarios que cederon de maneira desinteresada as súas leiras e propiedades para habilitalas como aparcamentos provisionais.

No encontro, no que ademais do alcalde Ángel Moldes e os edís Fran Dasilva e Maritxe González xunto a representantes de Policía Local, Garda Civil e Protección Civil, acordouse que esta última agrupación, Protección Civil, terá en alerta un camión de bombeiros e unha furgoneta lixeira para poder actuar con rapidez no caso de que se rexistre algunha incidencia coas fogueiras. Ademais durante todas as xornadas das festas habilitarase un posto sanitario para ofrecer unha atención inmediata a quen o necesite.

Doutra banda o Concello de Poio confirmou que se instalará un Punto Lila para concienciar e previr sobre a violencia machista. Estará situado no acceso ao recinto festivo o martes día 25 de xuño de 22.00 horas da noite a 3.00 horas da madrugada.

AMPLIACIÓN DE HORARIOS NA HOSTALERÍA

Por último a Xunta de Goberno de Poio autorizou a ampliación de horario durante as Festas de San Xoán aos locais de hostalería. Deste xeito poderán ampliar unha hora e media máis o seu horario habitual o domingo 23 de xuño, mentres que de luns 24 a mércores 26 poderán pechar unha hora máis tarde.