Poio homenaxea aos seus traballadores polo seu labor durante a pandemia

Poio
30 de decembro 2020

"Non queriamos rematar o ano sen antes recoñecer e poñer en valor o labor que levan desempeñando estas entidades e departamentos, así como o persoal municipal e os funcionarios", declarou o alcalde, Luciano Sobral

Recoñecemento do Concello de Poio aos seus traballadores polo seu labor durante a pandemia da covid-19
Recoñecemento do Concello de Poio aos seus traballadores polo seu labor durante a pandemia da covid-19 / Concello de Poio

Representantes da Policía Local, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, de Servizos Sociais, do Servizo de Axuda no Fogar e da Casa Rosada recibiron este mércores, de mans do alcalde de Poio, Luciano Sobral; e a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas; un obsequio conmemorativo para recoñecer o seu labor durante a pandemia. 

"Non queriamos rematar o ano sen antes recoñecer e poñer en valor o labor que levan desempeñando estas entidades e departamentos, así como o persoal municipal e os funcionarios, desde que comezou a pandemia da Covid-19, traballando en primeira liña polo benestar da nosa veciñanza e estando a carón de quen o precisaba", agradeceu o rexedor. 

Repartición de máscaras, de alimentos, recollida porta a porta de lixo, atención aos maiores forman parte dun amplo abanico de intervencións altruístas que o goberno local quixo destacar. 

ESCOLARES DE CHANCELAS, CO COMERCIO LOCAL

#MercaNoComercioLocal é o nome dunha orixinal iniciativa impulsada polo alumnado de quinto de primaria do CEIP de Chancelas. Nas semanas previas ao Nadal, os escolares deseñaron unha campaña para pedir aos veciños da parroquia de Combarro que aposten polo comercio local. Confeccionaron carteis e marcapáginas co slogan e información dunha trintena de negocios que precisan do apoio dos seus veciños para sobrevivir á crise da covid-19.

Este material inclúe códigos QR que, ao escanealos, dan acceso a elaborados vídeos nos que non faltan mensaxes de emotivos e de humor para apoiar aos negocios da parroquia.