RADIO.- Unha silenciosa atención sociosanitaria: o servizo de axuda no fogar

Pontevedra
02 de febreiro 2021

O sector sociosanitario está continuamente na palestra nos once últimos meses; con todo o pensamento colectivo adoita derivarse ás residencias e resta visibilidade a outras atencións como o servizo de axuda no fogar. En PontevedraViva Radio falamos coa empresa Idades

Elvira Somoza, coordinadora de servizos da empresa Idades en PontevedraViva Radio
Elvira Somoza, coordinadora de servizos da empresa Idades en PontevedraViva Radio

En 'Mentres isto dure' charlamos con Elvira Somoza, coordinadora de servizos en Idades. Unha empresa pontevedresa que emprega ao redor de seiscentas persoas e presta o servizo de axuda no fogar a dezaoito concellos de Pontevedra, en dous na provincia da Coruña e un na de Lugo, o que se traduce, aproximadamente, en máis de mil cincocentos asistidos.

A súa prestación non se restrinxe a maiores, tamén persoas de calquera idade con dependencia; desde rutinas e necesidades básicas ata acompañamentos. Con todo "que invisibilizado está co fundamental que é. Xunto coa sanidade é un piar moi importante para protexer a saúde das persoas", comenta no podcast de PontevedraViva Radio.

Elvira Somoza lembra ademais como tiveron que adaptarse repentinamente á conxuntura que propiciou o coronavirus: "tivemos que adaptarnos a que as auxiliares estean illadas para evitar contagios, ter que atender a persoas afectadas pola covid-19 sen ser realmente un servizo sanitario e para iso houbo que prepararse, buscar persoal... e foi moi duro".

Tamén realizaron prestacións inéditas ata o momento e que solicitaban os concellos, aos que tamén agradece a implicación recibida.

E neste vórtice sociosanitario fai unha chamada "para que nosas auxiliares sexan vacinadas, porque aínda que non están dentro dunha residencia ou un hospital é fundamental a vacina. Somos unha rede máis grande que por exemplo as residencias e podemos poñer en risco a saúde de moitas persoas que ademais son persoas vulnerables. É fundamental que se vacinen xa".