Poio homenaxea ás costurerias altruístas que realizaron case 4.000 máscaras durante o confinamento

Pontevedra
18 de febreiro 2022

O Concello de Poio rendeu homenaxe este venres ás oito veciñas de Poio, Pontevedra e Ponte Caldelas que deseñaron de xeito altruísta ao redor de 4.000 unidades de máscaras durante as semanas do confinamento na primavera do 2020

Poio obsequia ás mulleres que elaboraron máscaras durante a pandemia
Poio obsequia ás mulleres que elaboraron máscaras durante a pandemia

O Concello de Poio rendeu homenaxe este venres ás oito veciñas de Poio, Pontevedra e Ponte Caldelas que deseñaron de xeito altruísta ao redor de 4.000 unidades de máscaras durante as semanas do confinamento na primavera do 2020.

Escenario dese recoñecemento foi a Casa Rosada, onde estiveron a concelleira responsable do departamento de Servizos Sociais, Rosa Fernández (PSOE), e a edil de Seguridade Cidadá, Marga Caldas (BNG), que fixeron entrega dun obsequio a estas mulleres que, grazas á súa implicación e esforzo, "foron todo un exemplo de solidariedade durante os momentos máis duros da pandemia provocada pola covid-19".

Ana María, Pilar, Marina, Emilia, Manoli, Ángeles, Merchi e Carmen non dubidaron en "sumar moitas horas, durante moitos días", tal e como lembraron as integrantes do goberno local, para "confeccionar máscaras de tea, que elaboraron de xeito altruísta para que o Concello as puidese repartir entre a veciñanza, especialmente entre os grupos máis vulnerables, como eran as persoas maiores".

Neste sentido, tanto Rosa Fernández como Marga Caldas insistiron en que "naquelas semanas a situación era moi distinta á actual. Hoxe, por fortuna, a cidadanía ten acceso a máscaras homologadas, pero daquela só podían dispoñer dese material os e as profesionais do sector sanitario, como é lóxico".

Debido a esta situación, este grupo de mulleres solidarias decidiu poñerse mans a obra para elaborar preto de 4.000 máscaras de tea "que foron repartidas a domicilio coa colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Poio".

As concelleiras de Servizos Sociais e de Seguridade Cidadá fixeron entrega dos obsequios e resaltaron "a valentía, o espírito solidario e a implicación destas mulleres, que sempre serán un exemplo para todas e todos nós".