Poio inicia o procedemento para crear unha asemblea de participación cidadá

Poio
22 de outubro 2021

A edil de Participación Veciñal, Transparencia e Espazos Cidadáns, Silvia Díaz, explica que será un proceso consensuado e aberto, no que a cidadanía poderá facer as súas achegas iniciais a través dun formulario que se habilitará na web municipal

Xunta de Goberno de Poio
Xunta de Goberno de Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio vén de iniciar o procedemento para a aprobación do regulamento da Asamblea de Participación Cidadá e do Consello de Participación Veciñal, dous órganos a través dos cales se busca reforzar unha canle directa entre o tecido social e a administración municipal, de cara a impulsar actuacións e realizar propostas vencelladas ao desenvolvemento de actividades ou obras.

Esta iniciativa está impulsada pola Concellería de Participación Veciñal, Transparencia e Espazos Cidadáns, dirixida por Silvia Díaz, ocuparase da elaboración do regulamento será “de carácter aberto para toda a cidadanía”.

Para iso, o primeiro paso consistirá en habilitar inicialmente unha consulta pública, para facilitar as achegas que poidan realizar a cidadanía. “Estará á súa disposición un formulario na páxina web municipal para poder participar na fase previa”, sinala a edil do goberno local.

De xeito paralelo, os catro grupos da corporación municipal seguirán traballando no documento. Para iso, pártese dun borrador inicial que foi remitido aos representantes das formacións políticas tras a última Xunta de Portavoces, que tivo lugar o pasado mércores. Todos eles dispoñen de 30 días naturais para realizar as súas achegas.

O borrador consta de 35 artigos, repartidos en catro capítulos, e sete disposicións adicionais. O documento define o Consello de Participación Veciñal como o órgano que permite a participación na actividade do Concello, representativo dos intereses veciñais de todas as parroquias. Esta sería a ferramenta para trasladar, por parte da cidadanía, propostas e peticións relacionadas co desenvolvemento de actividades, actuacións, servizos ou investimentos.

Pola súa banda, a Asamblea de Participación Veciñal impúlsase como a entidade para a coordinación de iniciativas que afectan á cidadanía. Será unha canle efectiva para o traslado de suxestións de todo tipo. Neste documento inicial establécese que ambos órganos convocaranse dúas veces ao ano, a maiores de posibles convocatorias extraordinarias, e estarán integrados por membros da Corporación e representantes de colectivos que figuren no Rexistro de Asociacións.

Silvia Díaz tamén fixo mención á moción que o Partido Popular presentará no vindeiro pleno ordinario sobre a activación do Consello Veciñal. “Desde o primeiro intre tivemos claro que o procedemento tiña que ser unha actuación de consenso, coa implicación de todos os grupos políticos. Por iso lamentamos o oportunismo do PP, que presenta esta moción sabendo que o proceso xa estaba iniciado. Por desgraza, é un ‘modus operandi’ habitual no grupo da oposición, que parece que só busca tratar de xerar conflitos e crispación, sendo para eles iso unha prioridade por riba do propio proceso”, lamentou Díaz.