Poio limitará as fogueiras de San Xoán a espazos privados

Poio
03 de xuño 2021

Por segundo ano consecutivo non haberá cacharelas comunitarias de San Xoán en Poio. O goberno municipal confirmou que, debido á pandemia, só se autorizarán a xuntanza de persoas arredor do lume en lugares que sexan de ámbito privado

Celebración de San Xoán na Seca, Poio Mónica Patxot

Por segundo ano consecutivo non haberá cacharelas comunitarias de San Xoán en Poio. O goberno municipal confirmou que, debido á pandemia, só se autorizarán a xuntanza de persoas arredor do lume en lugares que sexan de ámbito privado.

As solicitudes para poder acender unha destas fogueiras poderán presentarse entre os días 14 e 22 de xuño. Todas elas deberán cumprir coas medidas de seguridade habituais, garantindo a súa realización en espazos que estean acondicionados debidamente.

O Concello de Poio ten claro que, maila que a situación sanitaria mellorou de xeito ostensible con respecto ao verán pasado, aínda non é o momento de impulsar celebracións masivas.

"Coa mellora da situación sanitaria experimentada nos últimos meses, sería unha irresponsabilidade pola nosa parte apostar por retomar xa a fórmula tradicional das cacharelas", advirte a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas.

O executivo municipal confía en que en 2022 "poidamos volver a gozar dunha noite máxica como a de San Xoán con absoluta normalidade", engadiu a edil.

Caldas agarda que a veciñanza volva ter un "comportamento exemplar" na noite de San Xoán, igual que o ano pasado, cando non se detectou ningunha cacharela ilegal en espazos públicos.