Poio chama a "extremar as precaucións" pola covid nas 130 fogueiras privadas previstas por San Xoán

Poio
22 de xuño 2021

O Concello de Poio recibiu nos últimos días un total de 131 solicitudes para o prendido de cacharelas durante a noite de San Xoán, que será este mércores. Ao igual que o ano pasado, as fogueiras só se poderán realizar en espazos privados e cumprindo unha serie de requisitos

Fogueiras de San Xoán
Fogueiras de San Xoán / Diego Torrado

O Concello de Poio recibiu nos últimos días un total de 131 solicitudes para o prendido de cacharelas durante a noite de San Xoán, que será este mércores. Ao igual que o ano pasado, as fogueiras só se poderán realizar en espazos privados e cumprindo unha serie de requisitos, entre eles a retirada de resto que terá que completarse nun prazo máximo de 48 horas.

O feito de que non se poidan prender cacharelas en espazos públicos non limita o interese da veciñanza á hora de cumprir con esta emblemática tradición na noite máis curta do ano. En concreto estas 131 peticións constitúen un incremento de máis do 25% respecto do ano pasado, cando se pediron 96 permisos. 

Ademais, ás solicitudes de cacharelas tamén hai que sumar preto de media ducia para a realización de barbacoas por parte de profesionais do sector da hostalería, reducidas tamén de xeito exclusivo a espazos privados. 

Unha vez máis, o goberno local insiste na importancia de que a veciñanza goce da noite de San Xoán respectando todas as medidas de distanciamento e hixiene e uso de máscara, dada a situación epidemiolóxica na que se atopa Poio desde hai algo máis dunha semana, cun importante incremento no número de positivos. Este martes o número de casos activos é de 21 persoas.

O alcalde, Luciano Sobral, insiste en que "temos que concienciarnos de que o virus aínda segue entre nós, polo que debemos extremar as precaucións".

DISPOSITIVO DA POLICÍA LOCAL

A Policía local de Poio realizará un dispositivo especial de seguridade durante a noite de San Xoán para velar polo cumprimento das medidas sanitarias e a seguridade cidadá e para o control de aforo e ruídos en establecementos. Ademais desenvolverá controis de alcol e drogas.

Realizarase unha especial vixilancia das praias para prohibir os botellóns e as aglomeracións.

RECOLLIDA DE HERBAS

Para este mércores está prevista a tradicional recollida de Herbas de San Xoán, que organiza a Asociación Ronsel. 

A directiva informa de que xa non quedan prazas libres, polo que serán un total de 50 persoas, repartidas en dous grupos de 25, as que tomarán parte na actividade. O punto de encontro será o local do Sartal. 

A primeira saída será ás 17.30 horas, mentres que o segundo grupo iniciará a recollida das herbas ás 19.30 horas.