Poio non asumirá a área portuaria de Covelo ata que a Xunta a acondicione

Poio
01 de decembro 2021

Ata que Portos de Galicia non acometa as obras de rehabilitación comprometidas en 2009, que incluían un investimento de 4 millóns de euros en Covelo e Raxó, o Concello de Poio non asumirá a titularidade da área portuaria no primeiro destes dous lugares

Área portuaria de Covelo Concello de Poio

Ata que Portos de Galicia non acometa as obras de rehabilitación comprometidas en 2009, que incluían un investimento de 4 millóns de euros en Covelo e Raxó, o Concello de Poio non asumirá a titularidade da área portuaria no primeiro destes dous lugares.

Así o acordou por unanimidade a corporación municipal de Poio durante o debate correspondente ao punto no que se tratou o proceso de reversión deste espazo e da Praza da Chousa de Combarro, que pasaría a ser de Costas e, a partir e aí, ser asumida polo Concello.

No caso de Combarro, a administración municipal si está disposta a continuar co proceso necesario para que no futuro este espazo, que a día de hoxe carece de uso portuario, poida ser posto a disposición da veciñanza para a súa utilización.

Séguese, deste xeito, co proceso iniciado en 2018, cando se lle remitiu tanto ao Goberno central como á Xunta de Galicia a documentación necesaria para reclamar este espazo.

O informe emitido polo enxeñeiro municipal tamén recolle a reversión do Paseo das Redeiras.

A reversión reactívase logo de que Portos solicitase ao Concello que reafirmarse o seu interese por continuar co proceso

En canto a Covelo, os portavoces dos grupos da corporación coincidiron á hora de afirmar que "non procede" aceptar esta reversión, proposta por Portos, no estado no que se atopa.

Neste sentido, o goberno local indicou que é unha zona "moi degradada", que precisa de xeito urxente desa actuación comprometida pola Xunta de Galicia hai máis dunha década.

"Non imos permitir que Portos nos pase a pataca quente. A reversión debería facerse unha vez que se acondicione o espazo portuario tal e como foi comprometido no seu día", sinalaron desde o executivo municipal, que esixen que se salde esa "débeda histórica" con Poio.