Poio non participará do pacto ambiental de Ence: "É unha compra de vontades mafiosa"

Poio
04 de agosto 2016

O Concello de Poio rexeita por completo participar, por activa ou por pasiva, no pacto ambiental que asinou Ence coa Xunta de Galicia e que inclúe unha partida económica para entidades sociais e culturais da comarca. Xosé Luís Martínez, concelleiro e responsable local do BNG, asegurou que se trata dunha "compra de vontades mafiosa"

Luciano Sobral, alcalde de Poio, xunto a Lidia Salgueiro
Luciano Sobral, alcalde de Poio, xunto a Lidia Salgueiro / PontevedraViva

O Concello de Poio rexeita por completo participar, por activa ou por pasiva, no pacto ambiental que asinou Ence coa Xunta de Galicia e que inclúe unha partida económica para entidades sociais e culturais da comarca. Xosé Luís Martínez, concelleiro e responsable local do BNG, asegurou que se trata dunha "compra de vontades mafiosa".

"Nunca entraremos nesa dinámica porque é comprar vontades, é unha mafia", sinalou a preguntas dos xornalistas.

O edil do BNG recomendou a Ence que "garde os cartos" que pretende repartir para o seu traslado e para abandonar a súa actual ubicación na ría que "foi roubada á xente", afectando á praia de Pontevedra e a un dos bancos marisqueros "máis ricos" de toda a ría.

En todo caso, Xosé Luís Martínez recoñece que "é fácil" que as asociacións que necesitan diñeiro para organizar as súas actividades "caian na tentación" de recorrer a Ence, pero reiterou que o goberno municipal non aceptará a axuda económica da empresa.

Estas declaracións chegan despois de que desde o Partido Popular lamentasen que o Concello de forma "unilateral" rexeite formar parte da comisión que decidirá o destino do diñeiro que repartirá Ence entre estes colectivos, malia que algúns deles están nunha situación económica "moi complicada", segundo Ángel Moldes.

O portavoz do PP esixe ao goberno municipal escoite aos veciños e as asociacións de Poio antes de "deixar pasar unha ocasión como esta", porque todos eles prestan un servizo "impagable" a costa dun "gran sacrificio persoal". Con esta decisión, asegura, o Concello "quere deixalos sen unha oportunidade de financiamento por consignas de partido".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en