Poio obtén máis de 250.000 euros do IDAE para as obras do núcleo do Xuviño

Poio
15 de xuño 2021

O concelleiro do departamento municipal, Gregorio Agís, reunirase coa veciñanza do lugar para escoitar as súas achegas antes da redacción do proxecto, que aposta por habilitar unha plataforma de empedrado única e a dotación de servizos

Núcleo de Xuviño en Poio
Núcleo de Xuviño en Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio vén de recibir unha subvención por parte do Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE), que ascende a máis de 250.000 euros e que se utilizará para levar a cabo un proxecto de humanización e rehabilitación integral do núcleo do Xuviño, na parroquia de Combarro. 

A tramitación para obter esta axuda, que forma parte do marco do Programa Operativo Feder, foi xestionada a través da Concellería de Promoción Económica, dirixida por Gregorio Agís. 

Tal e como explica o concelleiro socialista, a actuación que se pretende acometer no Xuviño segue a filosofía que se contempla no Plan de Mobilidade Sostible, aprobado polo goberno local en 2019, que aposta por dotar a este tipo de núcleos duns espazos nos que cobren un maior protagonismo os peóns, en detrimento do tránsito rodado e respectando o contexto arquitectónico deste emprazamento. 

O concelleiro de Promoción Económica sinala que o orzamento previsto para desenvolver a actuación ascende a algo máis de 313.000 euros. O Concello deberá asumir o 20% do mesmo (62.000 euros aproximadamente), unha contía que xa vén contemplada no Orzamento municipal aprobado este ano.

A intención do goberno local é reunirse coa veciñanza do lugar para darlles a coñecer os detalles do proxecto, pendente aínda de ser redactado, así como para recoller as posibles propostas e achegas que realicen os e as residentes. 

Na memoria elaborada polo departamento de Urbanismo consta que as obras se estenderían ao longo da rúa do Xuviño, de 700 metros de lonxitude, na que se procedería a habilitar unha plataforma única adoquinada, para fomentar o tránsito a pé. 

A actuación contempla a dotación de rede de pluviais e limitaría o acceso de vehículos só para residentes. 

"Buscamos fomentar unha mellora da calidade de vida e da seguridade, impulsando tamén traballos para respectar a contorna singular arquitectónica do Xuviño e mellorando a accesibilidade", conclúe Agís, que confía en que as obras poidan estar rematadas no último trimestre de 2022.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora