Poio pacta cos empresarios afectados pola covid-19 as bases para conceder as axudas municipais

Poio
13 de maio 2021

Os profesionais propoñen dous tramos de axudas con contías máis elevadas para aqueles negocios que viron a súa facturación reducida en máis do 50 % durante o 2020 en comparación co exercicio anterior

Reunión do goberno de Poio con empresarios afectados pola covid-19 para o reparto de axudas
Reunión do goberno de Poio con empresarios afectados pola covid-19 para o reparto de axudas / Concello de Poio

Representantes do Concello de Poio mantiveron este mércores un encontro telemático con profesionais dos sectores máis afectados pola crise derivada da pandemia da covid-19 que serviu para dar forma ás bases polas que se rexerán as axudas directas que o Concello de Poio ofrecerá a estes negocios que viron reducida a súa actividade.

Despois de facilitarlles o borrador, os concelleiros escoitaron as achegas dos participantes e o goberno local mostrouse favorable ao establecemento de dous tramos diferentes á hora de repartir as axudas, cuxo orzamento ascende a 150.000 euros, 100.000 de fondos propios e 50.000 procedentes da Deputación.

Aquelas empresas que viron a súa facturación reducida a máis dun 50 % no 2020 en comparación co ano anterior terán dereito a acceder ás axudas máis altas, ata un máximo de 1.000 euros. Mentres que a contía será inferior para aqueles empresarios que sufrisen perdas entre o 35 % e o 50 % no exercicio do 2020.

A intención do Concello é aprobar as bases nas próximas semanas para que poidan comezar a tramitarse as axudas "canto antes". Ademais estas subvencións serán compatibles coas convocadas por calquera outra administración.