Poio pechou agosto mantendo unha ocupación turística do 70%

Poio
02 de setembro 2020

Os hoteis de Poio lograron manter as boas cifras de ocupación dos primeiros días de agosto. A pesar das malas condicións climatolóxicas, o sector pechou o mes cun 70% de prazas ocupadas, segundo revelan os datos recollidos pola Concellería de Turismo

Turistas en Combarro Concello de Poio

Os hoteis de Poio lograron manter as boas cifras de ocupación dos primeiros días de agosto. A pesar das malas condicións climatolóxicas, o sector pechou o mes cun 70% de prazas ocupadas, segundo revelan os datos recollidos pola Concellería de Turismo.

A edil da área, Silvia Díaz, celebra que o esforzo realizado polos profesionais servise para manter unha actividade notable, tendo en conta a evolución da pandemia da Covid-19 e o empeoramento do tempo nas dúas últimas semanas.

Establecementos como as casas rurais foron os que acadaron un maior índice de reservas, unha tendencia que se mantivo durante practicamente toda a tempada estival.

"O feito de que os niveis se mantivesen durante os días de peor tempo tamén demostra que o interese turístico do noso municipio vai máis alá do calor e do sol, grazas á nosa riqueza patrimonial, medioambiental e gastronómica", apunta a titular de Turismo.

Con respecto ao número de visitas ás oficinas de información, estas dependencias prestaron servizo a máis de 4.300 persoas, a práctica totalidade das cales (un 98%) proviñan doutros puntos de España, principalmente Madrid, Euskadi, Castela e León e Andalucía.

Foi o turismo nacional o que sostivo a actividade do sector, dadas as dificultades á hora de realizar viaxes longas que se están a producir por mor da crise sanitaria. De feito, a caída de visitas de persoas foráneas cifrouse nun 80%, pasando das 375 de 2019 ás 76 actuais.

Aínda así, as oficinas asesoraron a estranxeiros procedentes de países como Francia, Italia ou Portugal, ademais de Venezuela, México e Ecuador.

A maioría das xestións (4.102) foron na oficina situada en Combarro. Destacan tamén as 114 persoas que visitaron a Casa Museo de Colón, en Portosanto, durante a segunda quincena de agosto (183 en total), mentres que no Casal de Ferreirós atendéronse a 98 visitantes.

A todos eles hai que engadir os 18 peregrinos que selaron a súa acreditación na Casa Consistorial.

As oficinas de turismo manterán a súa actividade durante as vindeiras semanas. No caso do local de Combarro, permanecerá operativo ata a ponte do 12 de outubro, en horario de 10.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas de luns a venres. Os sábados e festivos, a atención ao público será de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.

Pola súa banda, a Casa Museo de Colón seguirá aberta ata finais de outubro, de martes a sábado, entre as 9.00 e 14.00 horas e das 17.00 ás 20.00 horas.