O proxecto do Concello de Poio para construir un parque infantil temático sobre Cristóbal Colón en Ánkar, xa ten 160.000 euros de financiamento a través do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, e tamén conta coa autorización de Costas do Estado, neste caso xa cunha resolución favorable desde o mes de setembro.
A nova área de xogo que vai crear o Concello de Poio contará con aproximadamente 300 metros cadrados para acoller, entre outras pezas, unha réplica da embarcación Santa María, con elementos de xogos integrados.
O alcalde, Ángel Moldes, amosouse satisfeito porque este parque vaia ser unha realidade este mesmo ano, e explicou que a partir de agora comeza o proceso administrativo para sacar a concurso o proxecto, que si non hai imprevistos, podería estar adxudicado en dous meses.
O novo parque de Cristóbal Colón contará con dous barcos, unha réplica da embarcación da Santa María na que o navegante descubriu América, e unha embarcación pequena, adaptada especificamente para menores de 6 anos.
No caso da réplica da Santa María, estará constituída por zonas de diferentes alturas e terá integrados tobogáns, paneis trepadores, escalada, hamaca cama, timón, telescopio, mapa de tesouro ou creba cabezas, entre outros. A maiores, na área de xogo ademais dos das dúas embarcacións instalaranse tamén columpios, incluídos para bebés e inclusivo, xogo xiratorio de temática náutica...
Esta reforma integral do parque infantil de Ánkar permitirá, non só resolver o avanzado estado de deterioro do actual parque infantil, senón que tamén permitirá ampliar a súa capacidade e facelo moito máis atractivo e inclusivo.
"Queremos aproveitar que a escasos metros deste lugar se atopan a Casa Museo de Colón e a Cruz de Colón, para ofrecer á cativada un parque diferente, dando maior valor cultural ao parque de Ánkar", dixo o alcalde.
Ademais da remodelación integral do parque de Ánkar, no último ano desde o Concello de Poio tamén se traballou no mantemento e arranxo doutras áreas de xogos no municipio. Así, ademais da reforma integral do parque infantil de Chancelas, tamén se realizaron labores de mantemento e posta a punto dos parques de Combarro ou A Caeira, ampliouse a zona da Seca con máis xogos infantís e a creación dun circuíto pump-track e creouse un parque biosaudable en Arén.
A maiores, tamén está proxectada a creación dunha pista multideporte en Vilariña, e están avanzando nos proxectos para mellorar a zona de xogos de Lourido e para dotar a Samieira dun "moi necesario e demandado" parque infantil.