A Biblioteca de Poio organiza un xogo sobre O Principiño, maxia, obradoiros e contos para bebés

Poio
21 de abril 2025

Continúa activo o Reto Lector 2025, que propón a lectura dun libro prohibido ou censurado para o mes de maio e unha novela gráfica ou manga para o mes de xuño

Raquel Queizás, en "Cinema de historias da man de Alice Guy"
Raquel Queizás, en "Cinema de historias da man de Alice Guy" / Deputación de Pontevedra

A Biblioteca Municipal de Poio ven de presentar a súa programación para os vindeiros meses, que comezará o 23 de abril, Día do Libro, cun Breakout sobre o Principiño.

Ademais, tamén se inclúen sesións de maxia, obradoiros e contos para bebés e dáse continuidade ao proxecto Reto Lector que se desenvolve durante todo o ano.

Así, este mércores día 23 de abril, será o Breakout sobre O Principiño, ás 17.30 horas. Trátase dun xogo educativo no que os participantes terán que resolver unha serie de pistas para poder abrir unha caixa. Está destinada para crianzas a partir dos 6 anos e non é necesaria inscrición previa.

En maio, coa conmemoración do Día das Letras Galegas, organizarase no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, o espectáculo A Maxia das Letras, a cargo do Mago Samuel. Trátase dun proxecto dirixido ao público infantil e adulto que combina maxia e creatividade para fomentar o amor polos libros e a lectura, destacando figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas. 

En xuño despedirase o curso escolar cun obradoiro a cargo de Sonia Venzel, o venres 20 na Biblioteca Municipal. "Maderacos" é un obradoiro no que os nenos exploran a transformación de pezas de madeira.

A través do programa 'Ler conta Moito', da Xunta de Galicia, en setembro organizarase no Casal de Ferreirós o contacontos para bebés 'Cambio e conto', de Raquel Queizás. A través de diferentes contos, cantigas, enredos... e dun xeito lúdico, os bebés aprenden na súa lingua a coñecer o mundo que lles rodea.

Ademais desta programación, tamén continúa activo o Reto Lector 2025, unha iniciativa destinada a fomentar a lectura e a espertar o gusto por diferentes xéneros narrativos que convida aos usuarios a ler unha proposta diferente para cada mes do ano.

Así, este mes a proposta é un clásico da literatura xuvenil, mentres que en maio será un libro prohibido ou censurado; unha novela gráfica ou manga para o mes de xuño; unha novela ambientada nalgunha cidade pola que transcorre o Camiño de Santiago é a proposta para xullo; un libro de non ficción en agosto; en setembro, unha biografía; un audiolibro en outubro; unha novela epistolar en novembro; e, para rematar o reto, un libro publicado na data do nacemento do participante para o mes de decembro.

Para participar nesta segunda edición do Reto Lector basta con estar en posesión do carné da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e teñen que inscribirse no mostrador de préstamo da Biblioteca Municipal de Poio, onde se lle facilitará unha cartilla de control que cada participante irá selando cada mes ata superar o reto.

O premio é ler, descubrir novos xéneros, títulos e escritores, pero tamén todas as persoas que superen o reto activarán un poder, que eliminará unha sanción por devolución fóra de prazo na biblioteca durante o 2026 e un agasallo sorpresa.