Poio posiciónase ao carón da súa hostelería e traslada as súas demandas a Sanidade

Pontevedra
05 de novembro 2020

O alcalde de Poio, Luciano  Sobral, e os responsables de Turismo, Seguridade Cidadá e Promoción Económica escoitaron as demandas do sector, que trasladaron á Xunta, nas que reclaman a tramitación de axudas compensatorias e recuperación da actividade no menor tempo posible

Reunión telemática do goberno local de Poio con representantes da súa hostelería
Reunión telemática do goberno local de Poio con representantes da súa hostelería / Concello de Poio

O Concello de Poio trasladou este xoves o seu apoio ao sector hostaleiro local e comprometeuse con eles para dar traslado das súas propostas e iniciativas á Xunta de Galicia relacionadas coas restricións que entrarán en vigor a medianoite do venres. Ademais, o goberno local asegura tamén que executará accións dentro das súas posibilidades que sirvan de axuda para estes profesionais como leva facendo desde o mes de marzo.

Os reponsables de Turismo, Seguridade Cidadá, Promoción Económica e o alcalde, Luciano Sobral, participaron nunha reunión telemática con representantes do sector que veñen de crear unha plataforma para reivindicar solucións. Ambas as partes mostráronse de acordo en loitar contra a expansión do virus pero sen perder de vista o aspecto económico.

Por iso, o Concello súmase á petición dos hostaleiros para urxir á Xunta que tramite as axudas no menor tempo posible. Non en balde lembran que este sector xa foi o primeiro en pechar antes durante o confinamento de marzo e está a ser o último en retomar a actividade.

No referente ás axudas municipais, desde o goberno local lembra que o sector ten á súa disposición o programa Poio Confía, impulsado para proporcionar información e asesoramento sobre todo os relacionado coa covid-19, así como as axudas ás que poden acceder ou os protocolos para exercer a súa actividade con seguridade.

Esta mesma xornada, varias das peticións lanzadas polos profesionais foron trasladadas polo alcalde Sobral ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha reunión mantida a última hora desta mañá na que participaron rexedores de toda a comarca de Pontevedra aos que lles afecta o peche perimetral e as restricións máis estritas.

O mandatario de Poio incidiu na necesidade de que o sector poida retomar a súa actividade canto antes e que se axilice a concesión de axudas. "Sabemos que ou primeiro é a saúde, pero non podemos perder de vista a economía”, rematou.