Poio volverá bonificar a taxa de lixos aos seus hostaleiros mentres dure o peche

Poio
10 de novembro 2020

Os afectados poderán solicitar a devolución, achegando a documentación pertinente, unha vez que o goberno local aprobe esta axuda no pleno do próximo 24 de novembro

Reunión telemática do goberno local de Poio con representantes da súa hostelería
Reunión telemática do goberno local de Poio con representantes da súa hostelería / Concello de Poio

O Concello de Poio traballa na adopción de medidas de apoio para a hostalería do municipio e este martes fixeron público que volverán aplicar algunhas das medidas adoptadas durante o primeiro confinamento. É o caso da bonificación do 100% do recibo da recollida de lixos para os profesionais da hostalería.

O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, explica que esta fórmula será levada á próxima comisión do seu departamento antes de aprobala no pleno do 24 de novembro. O sistema para solicitalo será o mesmo que o da primavera, abrirase un prazo de presentación de solicitudes e os interesados deberán facer chegar a documentación pertinente que corrobore o cesamento de actividade.

Logo devolveráselle a cada un dos afectados o importe correspondente.

Ademais, o goberno local confirma tampouco cobrará a taxa de ocupación do espazo público das terrazas, unha medida que xa se aplicou tamén nos primeiros meses de pandemia. Tampouco os alugueres dos quioscos de Lourido ou A Seca terán que abonar as súas cotas mentres permanezan pechados. 

Aseguran desde o Concello que continuarán axudando aos sectores máis afectados pola crise da covid-19. Neste sentido, os efectos da pandemia no empresariado e sociedade local serán tidos moi en conta á hora de elaborar os próximos orzamentos, asegura Barreiro, suxerindo medidas como exención de impostos como o IBI ou o de circulación, así como a conxelación de taxas.