Poio prepárase para un entroido interactivo e desde casa

Poio
05 de febreiro 2021

O chef Pepe Solla inaugurará a programación cun vídeo sobre receitas de filloas, a asociación EnPoio organiza un concurso de disfraces e o Concello anima a compartir as fotos feitas en casa a través das etiquetas # choqueirizate ou # EntroidoPoio2021

Desfile do Entroido en Poio Concello de Poio

Un entroido interactivo e seguro cunha aposta segura pola tradición, a gastronomía e o comercio local será a filosofía da programación alternativa que prepara o Concello de Poio para manter esta festa emblemática que, pola pandemia, non poderá levar a cabo cos eventos habituais.

A responsable de Cultura, Raquel Rodríguez, explicou este venres algunhas das citas en liña que se darán nas próximas semanas para celebrar o entroido. "Facemos un chamamento á cidadanía para que se impliquen co Entroido de Poio nas súas casas, cos seus convivintes, dun xeito seguro, á espera de que, se todo vai ben, poidamos retomar a programación habitual o ano que vén", aseverou.

O programa comezará o 12 de febreiro coa inauguración a cargo do chef Pepe Solla, que ensinará nun vídeo receitas para elaborar filloas que poderá seguirse a través da págica de Facebook de Poio Cultura.

Outro dos obxectivos do Concello é poñer en valor a figura do choqueiro, que conta cunha gran tradición no Entroido galego. Por iso a través das etiquetas #choqueirizate e #EntroidoPoio2021 animarán durante o 13 de febreiro á cidadanía para disfrazarse. 

Ademais, a Asociación Empresarial EnPoio organiza un concurso virtual de disfraces ata o 14 de febreiro.