Poio presenta un orzamento de 16 millóns para 2026

Poio
12 de decembro 2025
Actualizado: 15:26

O capítulo de investimentos increméntase ata os 1,5 millóns de euros con fondos propios

Ángel Moldes, alcalde de Poio

O Concello de Poio presenta para o ano 2026 un orzamento de 16 millóns de euros, un documento que, segundo o goberno local, "blinda o servizos sociais e o funcionamento de programas municipais, aposta por proxectos transformadores e alivia a presión fiscal sobre as familias".

O proxecto cumpre cos principios de estabilidade e equilibrio. É un dos documentos máis altos das últimas décadas, un incremento que se consegue a pesar da rebaixa do Imposto de Bens Inmobles (IBI), unha medida que vai reducir os ingresos municipais en preto de 250.000 euros.

Destaca o alcalde, Ángel Moldes, que é "un orzamento serio, responsable e planificado, propio dun Goberno único centrado en mellorar a calidade de vida da súa veciñanza e en impulsar investimentos que transformen Poio".

Por áreas, Benestar Social ascende a 1,6 millóns de euros; para Cultura, Educación e Festexos, destínanse 1,4 millóns; Deportes conta con 720.500 euros; Medio Ambiente ten unha partida de 550.000 euros; para obras, servizos e urbanismo, reservan 5,8 millóns; e para seguridade, superan os 900.000 euros.

O gasto corrente (7,8 millóns) e o persoal (4,9 millóns) manteñen practicamente o mesmo nivel de investimento que no exercicio anterior.

O capítulo de investimentos increméntase ata os 1,5 millóns de euros con fondos propios, aos que se sumarán importantes achegas doutras administracións, proxectos xa comprometidos e asegurados, como a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.

Entre os proxectos incluídos no orzamento para executar con financiamento municipal destacan a reforma da pista deportiva de Monte Baldío, en Raxó, así como a reposición do firme e mellora do camiño Pedaporta, en Combarro. Ambas actuacións financiaranse cunha operación de crédito por importe de 823.467 euros. Tamén se contempla a aportación municipal dos convenios coa Xunta relativos ao novo bombeo e depósito de retención na Seca e á anualidade 2026 da reurbanización da PO-308.

A maiores, o orzamento aumenta en 224.000 euros o plan de desbroces municipais por todas as parroquias, que en 2026 chegará aos 572.000 euros.