Poio propón numerosas actividades de Nadal, que chegarán a todas as parroquias

Poio
10 de decembro 2021

‘Seica na Seca’ abrirá o 17 de decembro o programa desenvolto pola Concellería de Cultura, que conta con máis de 20 iniciativas e que se estenderá ata o 5 de xaneiro de 2022

Presentación da programación de Nadal Concello de Poio

Espectáculos e animación na rúa, concertos musicais, actividades para a mocidade e, como guinda, a chegada dos Reis Magos son algunhas das iniciativas que forman parte da programación de Nadal organizada polo Concello de Poio. 

A concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, presentou este venres este programa, que consta de máis de 20 citas que se desenvolverán entre o 17 de decembro e o 5 de xaneiro de 2022. A edil do goberno local destacou a gran variedade na oferta lúdica, que, ademais, chegará a todas as parroquias. 

Unha das principais novidades será, o 'Seica na Seca!', unha xornada que terá lugar o venres 17 de decembro, a partires das 16.30 horas, nunha gran carpa que se habilitará na Seca, en San Xoán. "Esta é unha iniciativa pensada para a mocidade", indicou Rodríguez.

A actividade incluirá obradoiros de graffiti, skate e DJ, ademais de actuacións musicais. 

A carpa continuará sendo a gran protagonista ao longo desa fin de semana, ao acoller o sábado e domingo pola mañá karts a pedais, quads eléctricos e inchables. Ademais, o sábado pola noite a Orquestra Marbella ofrecerá un concerto, mentres que o domingo haberá un musical infantil de Nadal.

O Concello tamén levará ás rúas das parroquias o espírito do Nadal. Para iso, contará coa inestimable colaboración dos emblemáticos trasnos, que se deixarán ver polo municipio desde o día 18 ata finais de decembro. 

Tampouco faltará a Papanoelada en moto, coa Asociación Rosa dos Ventos coma protagonista. Esta terá lugar o día 19. 

O Apalpador chegará á vila o 27 grazas á Deputación de Pontevedra. 

Outro clásico destas datas, os obradoiros de Nadal para crianzas, terán lugar entre o 27 e 29 en Lourido, no Xaime Illa de Raxó e no parque Rosalía de Castro.

Este ano recupérase as Badaladas de San Martiño, un evento que serve para adiantarse á despedida de 2021.

A cita será o día 30, ás 20.00 horas, e incluirá a foliada 'Trae o teu instrumento', ademais de degustación de chocolate quente, rosca e uvas. Como non podía ser doutro xeito, daranse as 12 badaladas que anuncian o cambio de ano. A actuación de Los Coleguitas porá o peche a esta xornada tan especial. 

O día 26, pola súa banda, haberá unha gala de maxia no Xaime Illa. 

O Festival de Panxoliñas de Campelo será o día 23 de decembro, con pasarrúas con xigantóns e o tradicional concerto, na Praza da Granxa. Tamén en Campelo, no Local social, haberá un concerto a cargo da Escola de Música (ESMU) o 27 de decembro

Xa co ano 2022 iniciado, o 2 de xaneiro a sede da comunidade de nontes Rega dos Agros de Combarro será escenario do Baile de Aninovo (21.00 horas), coas actuacións de Juan José Mariño, Marietta e Miguel Martínez. Non faltarán tampouco as Súas Maxestades de Oriente. 

O día 5 darase a benvida aos Reis Magos, cunha folla de ruta da que a Concellería de Cultura dará conta nas vindeiras datas.