Poio recupera a Festa do Mar e a da Ameixa cun novo formato

Poio
13 de xuño 2021

A Festa do Mar celebrarase conxuntamente en Combarro e Raxó, en datas diferentes, e, ao igual que sucederá coa Festa da Ameixa de Campelo, non incluirá mostras gastronómicas, en favor doutras actividades alternativas que garantan a seguridade

Festas da Saleta, en Raxó
Festas da Saleta, en Raxó

Logo da paréntese forzada pola covid-19, a Concellería de Festexos retoma neste 2021 o seu Programa de Verán en Poio, que achega varias novidades e serve para recuperar eventos de referencia da tempada estival, como son a Festa do Mar ou a Festa da Ameixa.

Así o adiantou o concelleiro responsable deste departamento, Xosé Luís Martínez, que apunta que ambas citas presentarán varias novidades e iniciativas alternativas, perfectamente adaptadas á situación sanitaria vixente.

A programación de verán, en todo caso, vai moito máis alá destas dúas festas emblemáticas. "Incluímos unha oferta moi ampla, na que a música será unha das grandes protagonistas, marcándonos o obxectivo de dispersar por todas as parroquias eventos e propostas pensadas para toda a familia, cun espírito dinamizador no que á actividade hostaleira e de lecer se refire", indica Martínez Blanco.

Así, o programa dará comezo o vindeiro 9 de xullo e se estenderá ata mediados de setembro.

O grupo Baiuca será o encargado de estrear este calendario lúdico, cun concerto que terá lugar no parque de Ánkar, na parroquia de San Salvador.

A programación tamén inclúe actuacións doutros artistas galegos da talla de Xoel López, que ofrecerá un concerto en Samieira o 14 de agosto (concretamente, no campo de fútbol Río de Bois). 

Xosé Luís Martínez explica que "mantemos o espírito do Reinicia o Verán de 2020, cando foi  preciso adaptarnos á nova realidade derivada da covid-19. Por sorte, agora, grazas ás vacinacións, o impacto do virus é menor, feito que nos permite ser máis ambiciosos á hora de organizar propostas que atraian tanto á veciñanza como á xente que escolle Poio para gozar das súas vacacións".

Iso si, o edil de Festexos recalca que en todo momento se cumprirán coas medidas de aforo, distanciamento e hixiene decretadas polas autoridades sanitarias.

Precisamente, en aras de garantir a seguridade, tanto a Festa do Mar, en agosto, como a Festa da Ameixa, en setembro, experimentarán grandes cambios con respecto ás edicións previas á pandemia.

Xosé Luís Martínez adianta que, en ambos casos, ofreceranse concertos de artistas e grupos de referencia, pero descártanse as actividades e mostras gastronómicas. "Entendemos que, a pesar da mellora da situación, aínda non é o momento axeitado para volver á fórmula tradicional no que a eventos gastronómicos se refire. Temos que actuar con responsabilidade e iso pasa por seguir controlando aforo e evitar masificacións", apunta o concelleiro do Goberno municipal. 

Unha das grandes novidades do programa será o desenvolvemento da Festa do Mar, que experimentará un cambio de formato importante, pasando a celebrarse tanto en Combarro como en Raxó.

"En 2020, este evento, que xa é un referente en Galicia, tería celebrado o seu vixésimo aniversario, polo que agora queremos ofrecer algo diferente, apostando por estender as actividades, mostras e iniciativas que se fagan máis alá de Combarro", explica o edil de Festexos, que corrobora, asemade, que na Festa da Ameixa de Campelo tamén se realizarán actividades diferentes.

"En definitiva, apostamos por unha programación moi completa e segura, que confiamos en que agrade aos nosos veciños e veciñas e aos turistas", conclúe Martínez Blanco.

Por último, cómpre lembrar que unha das primeiras grandes citas do verán serán as Festas de San Xoán, que terán lugar entre o 23 e o 27 de xuño e que tamén seguen esta filosofía, ofrecendo actividades seguras, entre as que se inclúen os concertos de Susana Seivane, Gustavo Almeida e Lucía Pérez, ademais dun espectáculo a cargo de Nelson Quinteiro e citas para nenos e maiores nos diferentes núcleos e lugares da parroquia.

O programa será presentado nos vindeiros días.