Poio renova o seu mobiliario urbano con bancos sostibles fabricados con material reciclado

Poio
30 de xaneiro 2026

O Concello substitúe 25 bancos en distintas zonas do municipio para homogenizar o deseño dos elementos do municipio, crear zonas máis limpas e seguras, e reducir os custos de mantemento

Marcial García, nun dos novos bancos
Marcial García, nun dos novos bancos / Concello de Poio

O Concello de Poio continúa coa súa aposta pola mellora dos espazos públicos e a sustentabilidade ambiental coa instalación de novos bancos fabricados con material reciclado.

A actuación, financiada a través do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, permitiu renovar parte do mobiliario urbano deteriorado e avanzar cara a un modelo máis homoxéneo, duradeiro e respectuoso co medio ambiente.

O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, explicou que a intervención "permitirá crear contornas máis limpas, seguros e accesibles, ademais de reducir os custos de mantemento futuros grazas ao uso de materiais resistentes e sostibles".

En total, substituíronse 25 bancos en distintos puntos do municipio, segundo as necesidades detectadas polos servizos técnicos municipais nas súas inspeccións periódicas. Os novos elementos xa se atopan en avenidas como Andurique, Porteliña e San Xoán, así como na Rúa do Adro, o Camiño Real do Casal, a avenida da Cruz ou a zona do Covelo, entre outras.

As revisións previas puxeron de manifesto a deterioración de parte do mobiliario existente, afectado polo uso continuado, actos vandálicos ou a exposición prolongada á climatoloxía. Ademais, a variedade de modelos dificultaba o mantemento e ofrecía unha imaxe pouco homoxénea da contorna urbana.

Os novos bancos destacan pola súa fabricación en polímero plástico reciclado, procedente de envases recuperados do colector amarelo. Non requiren mantemento e contan cun reforzo metálico interior que garante unha maior resistencia estrutural. A súa durabilidad evita problemas de corrosión, humidade ou deterioración por raios UV.

Esta actuación "responde as demandas trasladadas polas asociacións veciñais e colectivos sociais, que solicitaban a renovación do equipamento urbano para fomentar a convivencia e o descanso".