O Concello de Poio iniciou os trámites para a aprobación do Plan Especial de Instalacións e Dotacións (PEID), un paso fundamental para facer posible a construción da futura piscina municipal na zona da Seca.
Este plan permitirá ordenar urbanisticamente unha superficie superior aos 56.000 metros cadrados, regularizar e mellorar os equipamentos deportivos xa existentes e habilitar novas instalacións.
Segundo informou o goberno local, o borrador do PEID e os documentos ambientais estratéxicos xa foron remitidos á Consellería de Medio Ambiente para a súa correspondente avaliación. Unha vez superado este trámite ambiental, o plan especial será levado a pleno para a súa aprobación inicial, o que permitirá avanzar cara á fase de busca de financiamento e posterior execución da piscina municipal e doutros proxectos vinculados.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, sinalou que este procedemento achega ao municipio á consecución dunhas infraestruturas "acordes ás necesidades da veciñanza" e subliñou que nunca antes se chegara tan lonxe no proceso urbanístico necesario para levantar a piscina municipal.
Neste sentido, destacou o traballo desenvolvido pola Concellería de Urbanismo, encabezada por Rocío Cochón, e polo conxunto do departamento, ao tratarse dun proxecto considerado prioritario polo actual goberno local.
A redacción do plan especial e da documentación ambiental estratéxica saíu a licitación hai algo máis dun ano, cun investimento próximo aos 50.000 euros. Desde o Concello incídese en que se trata dun procedemento longo e complexo, que se está a desenvolver nun prazo considerado razoable.
O alcalde tamén fixo referencia á xestión do anterior goberno municipal, lembrando que no ano 2020 o pleno aprobou por unanimidade unha moción para adaptar urbanisticamente os terreos da Seca, sen que se produciran avances posteriores.
Segundo Moldes, foi necesario un cambio de goberno para iniciar os trámites que permitan facer realidade unha infraestrutura demandada desde hai anos.