O goberno local de Poio incrementou en 250.000 euros a partida destinada ás tarefas de roza e mantemento de camiños, o que eleva o investimento total neste servizo ata os 600.000 euros anuais.
Esta ampliación orzamentaria procura dar resposta á rápida proliferación de maleza derivada do clima atlántico, especialmente tras un último ano marcado pola alternancia de choivas e temperaturas cálidas.
Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, a intención é garantir que os traballos non se deteñan en ningunha época do ano: "En Poio as rozas e a limpeza non se deteñen; é fundamental manter o servizo no outono e no inverno para garantir a seguridade e a mobilidade".
Dada a elevada dispersión territorial de Poio, o plan de actuación abrangue desde os viais principais ata os camiños secundarios, zonas verdes e prazas.
Para cubrir toda a xeografía municipal, o Concello conta cun dispositivo multidisciplinar.
Unha adxudicataria principal encárgase do groso dos traballos, apoiada por empresas locais para zonas específicas como San Salvador, os centros educativos ou as parroquias de Raxó e Samieira.
Por outra banda, a Fundación Juan XXIII colabora activamente no acondicionamento das contornas de Ánkar, Lourido e A Reiboa.
Por último, o dispositivo complétase con brigadas de operarios municipais e o reforzo das brigadas de prevención de incendios durante o verán.
Recentemente, o foco dos traballos situouse na parroquia de Raxó e no paseo da Ostreira, dentro dun cronograma que pretende chegar a todos os puntos do concello.
Este esforzo en limpeza complementase cunha estratexia máis ampla de mellora das infraestruturas. O Concello reservou no orzamento de 2026 unha partida superior ao millón de euros destinada especificamente á conservación, reposición e mantemento de vías e camiños públicos.
Deste xeito, o goberno municipal busca reverter o desgaste dos viais e mellorar a calidade de vida nun municipio con múltiples núcleos rurais.

Desde o Goberno de Poio lembran que a loita contra a maleza e a prevención de incendios require da colaboración de todos.
O Concello solicita a implicación da veciñanza, subliñando que é obriga das persoas propietarias manter as súas parcelas particulares limpas e proceder á roza e retirada de restos vexetais para evitar riscos innecesarios.