Poio renovará e ampliará a rede de contedores de recollida de aceite de cociña

Poio
26 de setembro 2022

O municipio conta actualmente con 34 unidades e pasará a ter 37 nas vindeiras semanas

Julio Casás, concelleiro de Obras e Servizos de Poio
Julio Casás, concelleiro de Obras e Servizos de Poio

O concelleiro de Obras e Servizos Municipais do Concello de Poio, Julio Casás, pasou revista na mañá deste luns aos 34 contedores que o Concello ten repartidos por todo o termo municipal para facilitar a reciclaxe de aceite de cociña usado.

O edil aproveitou para confirmar que o goberno local procederá á renovación de todas estas unidades, ao mesmo tempo que se ampliará o número de recipientes ata os 37. "Polo de agora só se cambiarán os que están en mal estado e se sumarán tres a amiores", aclarou.

“Nos vindeiros días estudaremos os lugares onde se instalarán, tendo en conta cuestións como a poboación e a demanda da prestación”, indicou.

O socialista fixo a inspección dos contedores acompañado dun técnico da empresa responsable do mantemento dos mesmos. Julio Casás explicou que a firma realiza inspeccións e retiradas de restos de xeito periódico, cada dúas semanas aproximadamente. “Hai que ter en conta que algúns destes dispositivos levan xa moitos anos operativos e se atopan en evidente estado de deterioro, polo que procederemos á renovación de todos eles”, adiantou.

A substitución destes recipientes e a instalacións dos novos levarase a cabo nos vindeiros días.

Ademais, o concelleiro de Servizos informou de que proximamente na páxina web do Concello poderase consultar o emprazamento destes contedores, a fin de continuar promovendo a reciclaxe do aceite de cociña, uns restos que “poden chegar a ser verdadeiramente prexudiciais para o medio ambiente se non se tratan da maneira axeitada”.

Neste sentido, Julio Casás advirte de que “un só litro de aceite pode contaminar ata 1.000 de auga, polo que o feito de botalo pola fregadoiro pode provocar deficiencias nas tubaxes, ademais de malos cheiros. É un residuo incluso máis nocivo que o aceite dos automóbiles. A maiores, outra consecuencia é que as estacións  depuradoras teñen un traballo extra para eliminar estes restos, o que redunda nun incremento da factura”.

É por iso polo que o edil do goberno local considera “imprescindible” que a reciclaxe de aceite de cociña continúe implantándose e aumentando.

“Actualmente estamos nuns niveis que son bos, como o demostra o feito de que contamos con 34 recipientes, lonxe dos oito que se instalaron por primeira vez hai algo máis de 10 anos”, explica o responsable de Servizos, que considera necesario que nesta práctica se implique tanto a cidadanía como o sector hostaleiro, de aí que o reparto dos contedores sexa o máis amplo posible.

Os recipientes onde depositar o aceite atópanse na Rúa Valiña, A Seca, Avenida de San Xoán (48 e 10), Avenida da Seca, Avenida Beiramar 66 (Campelo), Antelo e Mariño, A Barca (números 12 e 39), Outeiro (20), A Porteliña (10 e 23), Camiño da Renda, Praza da Granxa de Campelo, Centro Comercial A Barca, Avenida da Cruz, Paseo das Redeiras, Rúa Oliveira, Río Oitavén, Río Illa de Tambo, Illa de Ons, Rúa da Capela, Rosalía de Castro, Praza Romay Besada de Samieira, Praza de Arís e Pereiro de Abaixo.

Tamén hai dispositivos habilitados nas proximidades dos centros educativos de Chancelas, Isidora Riestra, Espedregada, Lourido e do IES de Poio.