A avenida da Barca, correspondente á PO-308 ao seu paso por Poio, recuperará de forma provisional o dobre sentido de circulación durante o verán co obxectivo de mellorar a mobilidade nunha das épocas de maior intensidade de tráfico do ano.
A medida entrará en vigor este mesmo venres ás 16.00 horas e permanecerá vixente até o próximo 31 de agosto.
O Concello explica que a decisión busca facilitar a fluidez do tráfico durante os meses estivais, á vez que mantén o compromiso de limitar o sentido único unicamente a aqueles momentos nos que sexa imprescindible para o avance das obras de humanización da estrada.
A excepción seguirá sendo o tráfico de mercadorías, xa que os vehículos pesados continuarán utilizando o desvío alternativo habilitado desde o inicio das obras a través da estrada de Vilagarcía polo polígono do Bao.
Tal e como explica o alcalde de Poio, Ángel Moldes, durante estas semanas aproveitarase para levar a cabo os traballos que non interfiran co tráfico.
Doutra banda, Moldes apunta que o sector da construción conta cun convenio propio que supón a paralización parcial da actividade durante o mes de agosto, aínda que parte da obra continuará executándose.
O alcalde asegura que o obxectivo é compatibilizar o desenvolvemento da actuación coa mobilidade diaria de veciños e visitantes sen alterar o calendario previsto.
Neste sentido, afirma que a obra mantén o prazo de execución de doce meses e que a súa finalización segue prevista para novembro.
Doutra banda, o goberno local lembra a complexidade dunha actuación que inclúe a reposición integral dos servizos e afirma que "hai unha parte moi importante da execución que non se ve porque corresponde precisamente á renovación das infraestrucuras soterradas".
Entre o resto de actuacións que se están executando atópanse a ampliación das beirarrúas a un mínimo de 2,5 metros, a instalación de elementos de calmado no tráfico, a mellora dos servizos urbanos, o novo mobiliario público, as zonas asistenciais, infraestruturas para o transporte público e prazas de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida.
Todo iso, apunta o Concello, como parte da primeira fase do proxecto de humanización da PO-308 que ten como finaldad recuperar o espazo público para as persoas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.