Poio reúne ás partes implicadas para planificar o tráfico durante as obras da PO-308

Poio
08 de setembro 2025
Actualizado: 12:59

Será este mércores no Pazo Besada. Participarán representantes da Xunta, Concello de Pontevedra, Garda Civil, Policía Local, empresas locais e a adxudicataria das obras

Rotonda da Ponte da Barca

O Concello de Poio convocou unha reunión para este mércores, 10 de setembro, co fin de coordinar como se regulará o tráfico mentres se desenvolven as obras de humanización da estrada PO-308, no tramo entre A Barca e o Casal de Ferreirós.

O encontro terá lugar ás 11:30 horas no Pazo Besada, e contará coa participación de representantes da Xunta de Galicia, o Concello de Pontevedra, a Garda Civil, a Policía Local, técnicos municipais, así como responsables da empresa adxudicataria das obras (COVSA) e de varias empresas locais como Froiz, Comervía e Pescamar.

Segundo explicou o alcalde de Poio, Ángel Moldes, o principal obxectivo desta reunión é deseñar un plan de coordinación que garanta a seguridade viaria, a fluidez do tráfico e a convivencia veciñal durante os traballos.

O obxectivo é "minimizar ao máximo as molestias para a veciñanza e para os miles de usuarios que transitan esta vía cada día", subliñou.

As obras, que foron adxudicadas hai dúas semanas á empresa COVSA, corresponden á primeira fase do proxecto de reurbanización da PO-308. Esta intervención é froito dun convenio asinado entre o Concello e a Xunta, cun investimento de 1,6 millóns de euros e un prazo de execución de doce meses.

O proxecto ten como gran meta recuperar o espazo público para as persoas. Para iso, darase prioridade aos peóns fronte ao tráfico rodado, fomentarase o comercio local e crearanse contornas máis seguras e accesibles.

Entre as actuacións previstas destacan: beirarrúas máis amplas (mínimo de 2,5 metros), melloras en accesibilidade, renovación de servizos e infraestruturas urbanas, instalación de mobiliario urbano, creación de zonas asistenciais, melloras para o transporte público e novos espazos adaptados para persoas con mobilidade reducida.