O Concello de Poio porá en marcha en agosto o novo servizo municipal de transporte 'Poio en Ruta', unha iniciativa que busca dar resposta a unha demanda do municipio, mellorando os desprazamentos internos e facilitando a conexión entre parroquias, especialmente nas zonas que até agora carecían de transporte público.
O servizo arrincará con dúas liñas que funcionarán de luns a venres en días laborables.
O alcalde, Ángel Moldes, destacou que a posta en marcha deste servizo "supón un antes e un despois na mobilidade" de Poio, ao conectar por primeira vez áreas do interior que non dispuñan de transporte público e facilitar a comunicación entre os distintos núcleos.
Ademais, avanzou que o sistema comezará cun período de proba para avaliar o seu funcionamento e introducir axustes en función das necesidades das persoas usuarias.
A primeira liña partirá da Barca e percorrerá Ferreirós, Beiro, Anafáns, Lourido, Campelo, O Casal, Os Canos, Vilariño, O Sartal, Arís, A Ucha, San Martiño, Fontenla e o Mosteiro de Poio.
Durante xullo e agosto sairá ás 9:20 horas e regresará ás 12:00, mentres que entre setembro e xuño farao ás 9:40, con volta ás 12:40.
A segunda liña terá a súa orixe no Alto de Dorrón e dará servizo a O Pumar, A Publicada, Canturiño, igrexa de Samieira, Camiño Real de Chancelas, Travesía de Cidrás, Xuviño, O Esperón, O Pereiro, Casalvito, Combarro, A Pinela, A Santiña e o Mosteiro de Poio.
No verán partirá ás 10:10 e regresará ás 12:50, mentres que o resto do ano adiantará a súa saída ás 9:40, con regreso ás 12:40.
As persoas usuarias poderán empregar a Tarxeta da Mobilidade de Galicia (TMG), dispoñible na oficina de Abanca de Combarro e recargable na súa rede de caixeiros. Este cartón permitirá reducir o prezo do billete de 1,60 a 0,85 euros por traxecto.
Ademais, as persoas maiores de 65 anos disporán de até 60 viaxes gratuítas ao mes e os menores de 21 poderán beneficiarse das bonificacións da Tarxeta Xente Nova.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.