Poio saca a licitación o proxecto de rehabilitación do Pazo de Besada

Poio
06 de maio 2021

A obra conta cun orzamento de 500.000 euros e o obxectivo do goberno local é tela rematada a finais deste ano ou principios do próximo

Recreación da rehabilitación do Pazo de Besada, en Poio
Recreación da rehabilitación do Pazo de Besada, en Poio / Concello de Poio

A Xunta de Goberno do Concello de Poio aproba o inicio do proceso de licitación do proxecto de rehabilitación do Pazo de Besada, un dos grandes emblemas da parroquia de San Salvador. O concelleiro de Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, confía en que os trámites para completar a adxudicación das obras sexan o máis áxiles posibles. "Se todo vai ben, os traballos poderían estar finalizados a finais deste ano ou principios de 2022", asegura.

A mellora destas dependencias é unha das prioridades do Goberno municipal. O proxecto contará cun orzamento inicial que rolda os 550.000 euros aproximadamente, unha cantidade que será sufragada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente ao ano 2020. 

Ademais de supoñer unha mellora das históricas dependencias, esta actuación tamén servirá para converter ao Pazo de Besada no epicentro de varios servizos sociais, culturais e de igualdade. Ademais de continuar acollendo actividades como as que xa se desenvolven habitualmente, como as organizadas pola concellería de Xuventude, contémplase o traslado doutros departamentos que actualmente se atopan na Casa Rosada, como Servizos Sociais ou o Centro de Información á Muller (CIM).

De acordo co proxecto, Servizos Sociais estará na planta baixa e incluirá áreas para persoas maiores, nas que os usuarios e usuarias terían ocasión de participar en diferentes actividades. Unha aula de estudo, oficinas e espazos para acoller diferentes iniciativas culturais tamén veñen contempladas no proxecto.