Poio solicita á Xunta que garanta a protección do persoal dos centros educativos

Poio
10 de maio 2020

A concelleira de Educación, Raquel Rodríguez, entende que a consellería debe achegar material que garanta esa proteción, como son xel, mascarillas e luvas, aos profesionais dos centros educativos do municipio

Colexio Público de Chancelas, Poio
Colexio Público de Chancelas, Poio / PontevedraViva

O Concello de Poio remitiu un escrito á Xunta de Galicia a través do cal insta á administración autonómica a que tome as medidas pertinentes para garantir a seguridade do persoal dos centros educativos que comezarán a traballar nos colexios e institutos, a partir do vindeiro luns 11 de maio, para realizar tarefas como as tramitacións de matrículas do vindeiro curso.

No caso de Poio, a concelleira de Educación, Raquel Rodríguez, entende que a consellería debe achegar material que garanta esa protección, como son xel, mascarillas e luvas aos profesionais dos centros educativos do municipio, con cuxas direccións o departamento municipal vén traballando de xeito coordinado desde o inicio do estado de alarma para tratar de dar resposta ás súas necesidades.

Neste sentido, a concelleira lembra que, froito desta coordinación, foi posible que o Concello se implicase no reparto de material escolar a uns, aproximadamente, 70 alumnos da vila.

Por último, Rodríguez incide en que esta achega "é unha medida coa que colaboramos, dada a falta de resposta da Xunta de Galicia á hora de garantir unha educación igualitaria entre todos os alumnos e alumnas desde que se cancelaron as clases por mor da expansión da COVID-19".

Este reparto fíxose en base ás xestións realizadas polas direccións dos centros educativos, que son os responsables de realizar estas tramitacións.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora