Poio tampouco abrirá os parques infantís este luns e aposta por facelo de "xeito gradual e progresivo"

Poio
14 de xuño 2020

A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, asegura que a decisión da Xunta de permitir a apertura desde este luns 15 de xuño tomouse "sen deixar aos Concellos unha marxe mínima para ter todo a punto"

Parque infantil de Poio precintado pola Policía Local
Parque infantil de Poio precintado pola Policía Local / Concello de Poio

Do mesmo xeito que Pontevedra, o Concello de Poio aposta por reabrir os parques infantís "de xeito gradual e progresivo", e por tanto demorar a medida máis aló deste luns 15 de xuño, primeiro día de Galicia na denominada nova normalidade.

Segundo a concelleira de Seguridade  Cidadá, Marga Caldas, a decisión da Xunta de levantar a prohibición de uso nos parques tomouse "sen deixar aos Concellos unha marxe mínima para ter todo a punto".

Os parques infantís das cinco parroquias do municipio pecháronse o pasado 14 de marzo co decreto do estado de alarma. 

Agora tres meses despois, desde o goberno local defenden que "non podemos actuar con improvisación á hora de abrilos e de establecer as medidas de seguridade pertinentes, por moito que a Xunta decidise saír do estado de alarma sen ningún tipo de comunicación previa. Nós imos traballar para ter todas as medidas a punto no mellor tempo posible e que as crianzas teñan garantido todo o necesario en canto a seguridade e a hixiene", explicou Caldas.

Ademais de agradecer o comportamento dos veciños de Poio ao longo dos últimos meses, o Concello fixo fincapé na necesidade de seguir cumprindo coas medidas de distanciamento e hixiene tras o fin da desescalada para evitar posibles rebrotes.